publicidade hoxe

Os promotores de 18 novos proxectos empresariais comezan a súa formación no espazo coworking de Cabana de Bergantiños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de BergantiñosLocal Portada
A-
A+

O Centro Social de Maiores de Cabana de Bergantiños acollerá desde mañá, martes, as sesións de formación, asesoramento e titoría para os emprendedores dos 18 proxectos seleccionados para participar na segunda convocatoria do espazo coworking da Costa da Morte, impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI).

No espazo cedido polo Concello de Cabana, desenvolveranse durante os próximos cinco meses as actividades orientadas a facilitar a aceleración de proxectos emprendedores, impulsadas conxuntamente polo Igape e a EOI. Os emprendedores seleccionados contarán con servizos de apoio personalizados para desenvolver as súas ideas de negocio e avanzar cara á posta en marcha das súas empresas.

Así, ao abeiro deste marco de colaboración, que conta co apoio do Fondo Social Europeo, os emprendedores da Costa da Morte seguirán dispoñendo de completos servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha, aos que se poden acoller tamén os emprendedores que remataron o seu período formativo.

Os quince emprendedores que desenvolveron os seus proxectos neste espazo coworking ao amparo da primeira convocatoria apostaron por actividades a miúdo apoiadas nas TIC e en ámbitos como a artesanía, a industria conserveira, o téxtil, o turismo ou desenvolvemento de maquinaria agrícola, entre outros. O obxectivo prioritario das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, neste caso da Costa de Morte, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.

No marco desta convocatoria que agora comeza a desenvolverse haberá espazos de emprendemento abertos en Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Celanova e Santiago, ademais de en Cabana de Bergantiños. En total, 164 emprendedores impulsarán o desenvolvemento de 125 novos proxectos empresariais. En cada unha destas sedes haberá outras dúas edicións sucesivas que se desenvolverán, durante 5 meses cada unha, durante o ano próximo.

19 de xuño de 2017 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.