publicidade hoxe

Os premios ‘Smart Commerce’ poñerán en valor aos comerciantes que impulsan a innovación dos seus negocios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe no establecemento coruñés Lily&White a segunda edición dos premios Smart Commerce de Galicia, cos que se busca poñer en valor o traballo dos comerciantes que impulsan a innovación dos seus negocios.

Os galardóns, que se publican hoxe no DOG e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de agosto, contan con tres categorías. Así, co premio Smart Commerce, cunha contía de 3000 euros para o premiado a nivel de Galicia e 1500 para o escollido en cada provincia, distinguirase aos comercios galegos que desenvolvan iniciativas innovadoras que supoñan unha clara diferenciación e mellora na fidelización comercial, que activen accións promocionais especiais e que destaquen pola utilización das canles on line e off line de comunicación e venda.

Por outra banda, o premio e-Commerce distinguirá, cunha contía de 1000 euros, ao comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de internet; e o premio Social Commerce, cunha dotación de 1000 euros, outorgarase ao negocio que amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes.

Sol Vázquez Abeal visitou hoxe a tenda Lily&White, situada na coruñesa rúa do Orzán, que gañou o premio Smart Commerce Galicia na súa primeira edición. Este establecemento céntrase na alta cosmética orgánica. O negocio, que conta tamén con venda on line, achega asesoramento persoal aos seus clientes, así como diferentes tratamentos e obradoiros.

Na súa visita, a directora xeral de Comercio e Consumo lembrou tamén que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 1,3 millóns de euros á modernización e mellora da imaxe do comercio de proximidade galego a través dunha nova convocatoria de axudas que hoxe se publica no DOG con apoios para a reforma e acondicionamento de locais comerciais que permitirá tamén a 200 comerciantes acceder á xestión profesional das súas redes sociais.

Por unha banda, os comerciantes poden acceder a axudas de ata 16.000 euros e o 50% do investimento para proxectos de modernización integral dos locais comerciais que conten cun proxecto técnico de decoración e interiorismo. Estas axudas cobren as obras de reforma e acondicionamento integral da superficie de exposición e venda do local, a adquisición de moblaxe e actuacións de mellora da fachada e imaxe exterior. Os establecementos que non conten con proxecto técnico poden obter axudas de ata 3.600 euros e o 40% do investimento a realizar para estes mesmos conceptos.

A través deste programa de axudas, para o que se poderán presentar solicitudes ata o vindeiro 17 de xullo, concederanse, por outra parte, 200 tíckets de xestión de comunidades virtuais, que permitirán acceder a outros tantos comercios aos servizos dun xestor profesional de redes sociais (community manager), no marco do Programa de Social Commerce que se poñerá en marcha a través dun convenio de colaboración que se prevé asinar coa Federación Galega de Comercio. Este Programa de Social Commerce dirixirase fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.

Tanto a convocatoria de premios como a orde de axudas enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

15 de xuño de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.