publicidade hoxe

Organízase unha nova edición da Copa Deputación de Atletismo na que participarán máis de 400 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugoLugo
A-
A+

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o Presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos Baz, e o Delegado da FGA en Lugo, José Manuel Peña, presentou a VII edición da Copa Deputación de Atletismo, que terá lugar os días 17 e 20 de xuño, nas pistas de atletismo do Estadio Gregorio Pérez Rivera da capital luguesa.

O Goberno da Deputación garante a celebración deste evento deportivo cunha achega de 3.600 euros, posto que se trata dunha competición de gran repercusión para o Concello lugués, que acollerá a preto de 500 persoas entre atletas, xuíces e membros da organización, o que supón un importante retorno económico. Ademais, con esta axuda, o Executivo Provincial promove o deporte entre a mocidade lucense, como parte imprescindible dentro dun estilo de vida saudable.

Rivera Capón subliñou que “debido ao gran éxito de participación de anos anteriores, organizamos unha nova edición da Copa, que xa se ten consolidado no calendario da Federación Galega de Atletismo. A competición estará dividida en dúas xornadas, cun horario estimado de 4 horas, e nela participarán uns 400 atletas de toda a xeografía galega, do norte de España e do norte de Portugal, así como uns 30 xuíces para o control e realización das probas”.

Competición autonómica

As probas da Copa Deputación de Atletismo están enmarcadas dentro do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, estando realizadas baixo o control técnico do Comité Galego de xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Estas xornadas están dirixidas a todos os atletas federados, tanto a nivel galego como de calquera outra comunidade con licenza en vigor da Federación Española de atletismo, como tamén atletas internacionais que cumpran co regulamento específico da RFEA para atletas estranxeiros.

As probas que se leven a cabo estarán homologadas pola Federación en cada categoría, polo que as marcas obtidas nas citadas probas serán validadas no ranking Galego e Nacional como marcas mínimas para a participación noutros campionatos, tanto nacionais como internacionais. Premiarase ós tres mellores atletas de cada sector cos puntos acadados por táboa IAAF, en cada unha das xornadas.

15 de xuño de 2017 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.