publicidade hoxe

O XI Certame Condado de Pallares impulsa a investigación humanística en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaGuntínLocal PortadaLugoTaboada
A-
A+

O Certame Condado de Pallares impulsa, por undécimo ano consecutivo, a investigación humanística en galego co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura. O titular de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe á mañá na rolda de prensa de presentación da nova edición desta iniciativa da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares que conta tamén coa participación dos concellos lugueses de Guntín, Taboada e Chantada.

García Gómez incidiu na importancia de afondar e de divulgar a investigación humanística en lingua galega por medio deste certame que xa é un dos máis recoñecidos no ámbito dos premios galegos de investigación porque grazas a el “agroman interesantes e valiosos traballos de investigación arredor do patrimonio lingüístico, artístico, antropolóxico e etnográfico que configuraron no pasado o tan coñecido Condado de Pallares”.

No acto, que tivo lugar no Museo Provincial, tamén participaron o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez; o alcalde de Guntín, Jesús Carreira; o tenente de alcalde de Taboada, Luis Gómez; a deputada provincial de Cultura, Pilar García; e mais o director da sucursal de Abanca en Chantada, José Rodríguez.

Premio á investigación en galego

A Xunta de Galicia colabora con este premio para favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.

A el poden concorrer todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega arredor da temática antedita, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de presentación estará aberto ata o 2 de novembro e a finais dese mes o xurado ditaminará o gañador/a.

Desde a súa creación, este certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.

Os concellos de Guntín, Taboada e Chantada; a Deputación Provincial de Lugo e Afundación tamén apoian este premio, que conta cunha dotación económica de 3.000 euros e que inclúe a publicación do traballo gañador.

14 de xuño de 2017 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.