publicidade hoxe

O Salón Teatro de Santiago celebra o Día Europeo da Música co concerto Pitusa Semifusa e os instrumentos musicais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

O Salón Teatro de Santiago acolle mañá 21 de xuño, Día Europeo da Música, o concerto Pitusa Semifusa e os estilos musicais, o espectáculo creado pola ourensá Olga Brañas a partir do libro-disco do mesmo nome publicado pola Editorial Galaxia dentro da colección Sonárbore.

Pitusa Semifusa é un proxecto que naceu en 2014 co obxectivo principal de ofrecer nun mesmo concerto unha mestura de estilos musicais que lles aprendesen ás nenas e nenos as familias de instrumentos dunha forma lúdica e divertida. O espectáculo está ideado de xeito que os asistentes poidan ser parte activa dun concerto no que cohabitan o funky, o reggae ou o rock.

A súa autora, Olga Brañas, ideou esta proposta musical rodeándose de moitos e importantes artistas do panorama musical galego, tales como Sérgio Tannus, Uxía, Quim Farinha, Ramón Bermejo, Xiana Lastra ou Anxo Pintos. Todos eles colaboraron para erguer un espectáculo que lle permite aos oíntes viaxar pola voz, as cordas, os ventos e os metais da man dunha cativa, Pitusa.

Xiana Lastra interpreta a Pitusa, mentres que a propia Olga Brañas fai da súa avoa e exerce de directora de orquestra. As dúas encárganse de explicarlles ás nenas e nenos os instrumentos musicais e a familia á que pertencen.

As entradas para asistir ao concerto están á venda na páxina web entradas.abanca.com. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Salón Teatro mañá a partir das 17,30 h. O seu prezo é de 3,5 euros.

Despois de Pitusa Semifusa e os instrumentos musicais, a axenda do Centro Dramático Galego no Salón Teatro continuará coa volta a Santiago da produción propia ‘Martes de Carnaval’. O espectáculo, dirixido por Marta Pazos e composto polas prezas de Ramón María del Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán, despedirase así dos escenarios cunha última estadía en Compostela do 28 de xuño ao 16 de xullo.

20 de xuño de 2017 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.