publicidade hoxe

O Plan Único permitirá reducir a débeda dos concellos da comarca da Coruña e Betanzos en 686.699 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBetanzosCambreCarralCulleredoMiñoVilasantar
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único, destina este ano un total de 686.699,26 euros para reducir a débeda dos concellos da comarca da Coruña e Betanzos con entidades financeiras.

Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Miño e Vilasantar foron os seis concellos da zona que este ano solicitaron parte dos fondos do novo plan provincial para sanear as súas economías.

O Plan Único, dotado con 74 millóns de euros, que supoñen o maior orzamento nun plan na historia da Deputación, integra nunha soa convocatoria anual programas coma o POS, o PAS e o PAI e 11 liñas de subvencións, e ten coma un dos seus obxectivos estratéxicos completar o saneamento das economías dos 93 municipios coruñeses nun prazo de dous anos, segundo afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O presidente provincial sostivo que o Plan Único continúa a liña iniciada co Plan de Aforro e Investimento (PAI) que achegou máis de 17,1 millóns de euros aos concellos coruñeses para este fin, dos cales 3,3 corresponden á comarca da Coruña.

En total, as axudas concedidas pola Deputación nos últimos dous anos para que os concellos da comarca da Coruña e Betanzos amorticen a súa débeda ascenden a máis de 4 millóns de euros.
“Nestes dous anos, estamos apreciando a utilidade dos distintos instrumentos que facilita a Deputación para que os concellos reduzan ao mínimo as súas débedas. O Plan Único continuará nesa senda e esperamos que ao final do mandato todos os municipios coruñeses conten cunha situación financeira que lles permita prestar máis e mellores servizos á cidadanía”, afirmou o presidente provincial.

Estas axudas consisten en préstamos sen xuros e con ata catro anos de carencia, que os concellos poden devolver nun prazo de dez anos. Ao ter que devolver só o importe principal e contar cun longo prazo de devolución, supón un instrumento útil para que os municipios amorticen as súas débedas sen ter que pagar xuros ás entidades financeiras.

Pago a provedores

Entre as medidas destinadas a mellorar a situación financeira dos concellos coruñeses, o Plan Único incorpora tamén axudas para reducir a débeda dos concellos coas empresas subministradoras e reducir o período medio de pago a provedores. As bases do plan establecen a obriga de pagar aquelas facturas que excedan en máis de 90 días os prazos de pago que establece a lexislación vixente.

Un total de 24 concellos da provincia destinarán parte dos recursos que reciben a través do Plan Único a facer fronte aos pagos a provedores, por un importe total de 3.085.899,71 euros. Na comarca coruñesa, Carral e Vilasantar solicitaron 3.379,91 e 56.367,58 euros respectivamente.

12 de xuño de 2017 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.