publicidade hoxe

O novo Plan de transporte público prevé 6 liñas de autobús para os concellos de Noia e Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaLousameNoia
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo cos alcaldes de Lousame e de Noia, María Teresa Villaverde e Santiago Freire, para abordar o novo Plan de Transporte Público, que prevé 6 liñas para cubrir o servizo, entre elas, Ponte Beluso-Noia, por Ces e por Couto, e en 3 delas, Noia-A Pastoriza, Noia-Bursó, e A Silva-A Barreira, intégrase o transporte escolar, de xeito que os veciños disporán dunha parada máis preto que ata o de agora.

Vázquez Mourelle indicou que, atendendo ás peticións formuladas polo Concello de Noia, manterase a liña que vai desde a estación de autobuses ata o centro de saúde, e que despois sigue ata Cruceiro de Argalo.

No que se refire ás achegas do Concello de Lousame, a Xunta modificará os percorridos e introducirá as paradas propostas de cara a incrementar a eficacia no servizo. Por exemplo, a liña 1 terá parada en Portobravo, onde se concentran os principais servizos, como o centro de saúde, o Concello, o Xulgado ou a Casa da Cultura. Variaranse os horarios para facer que o servizo sexa máis útil e funcional, que estea mellor adaptado ás necesidades dos usuarios.

A conselleira subliñou que o caso destes dous concellos é o modelo a seguir, xa que se trata de bos exemplos de que con participación activa, disposición a colaborar e con achegas construtivas pódese mellorar o plan, incrementar servizos e ofrecer un transporte adaptado ás necesidades da xente, pensando sobre todo nos veciños do rural.

Plan de transporte público

Vázquez Mourelle explicou que con este plan preténdese non só garantir a continuidade dos servizos de autobús actual, senón mesmo reforzalos e incrementalos, ofrecendo máis posibilidades de mobilidade para os cidadáns destes concellos.

A filosofía desta iniciativa é levar o autobús a onde agora non o hai, duplicar o número de paradas en preto de 200 concellos, e que máis de 1,7 millóns de galegos vexan mellorada a súa mobilidade, xa que contarán cunha parada a menos de 500 metros da súa casa.

Nesta iniciativa a Xunta aposta por aproveitar as sinerxías existentes, coa integración do transporte escolar e o xeral, algo que permitirá aproveitar os asentos baleiros dos autobuses escolares, que a xente poderá empregar tamén no período non lectivo cando teña feita previamente a reserva do servizo coa fórmula do transporte baixo demanda. Isto contribuirá a dar máis e mellores servizos e favorecerá os desprazamentos dos veciños de moitas parroquias do rural de Galicia.

A titular de Infraestruturas precisou que esta integración parte da premisa de que os nenos son o primeiro, por iso se blinda a atención aos escolares e se manteñen os itinerarios, paradas e horarios. Ademais concretou que se mellora este servizo ao garantir a figura do acompañante en todas as rutas, xa que só nesta primeira fase está previsto incrementar o seu número en 146, máis do 60%, o que significa tamén máis emprego.

Ethel Vázquez sinalou que ao permitir este uso compartido tamén estase a ofrecerlle á xente -moitas veces os pais ou os avós que levan ao neno á parada- máis facilidades para coller o bus para ir á consulta ao centro de saúde ou a facer algunha xestión de carácter administrativo.

26 de xuño de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.