publicidade hoxe

O IES Sanxenxo recibe o premio do certame da Xunta ‘Cooperativismo no ensino’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+

A Xunta entregará mañá ao IES Sanxenxo o premio do certame Cooperativismo no ensino que conseguiu na categoría E da modalidade de actividades cooperatizadas polo traballo Xogando a crear futuro. Os alumnos recibirán 2.000 euros que poderán empregar na compra de material escolar ou na realización de actividades.

O concurso, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten por obxecto potenciar e propiciar valores e principios que inspiran o cooperativismo como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

Tras a entrega do galardón, que terá lugar ás 19,30 horas no Pazo Emilia Pardo Bazán, os alumnos e alumnas do centro poderán desfrutar da compañía teatral Xarope Tulú, que representará a súa obra Cardume, un espectáculo que combina a narración oral coa música en vivo, no que o público participa converténdose en ocasións en protagonista. A obra achega historias onde as personaxes traballan xuntos para acadar os seus soños, promovendo valores que fomenta o cooperativismo como son a cooperación, a solidaridade, a axuda mutua, a igualdade ou a equidade.

Cooperativismo no ensino forma parte dos actos que está levando a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Consello Galego de Cooperativismo, para celebrar o mes do cooperativismo en Galicia co obxectivo de difundir as vantaxes desta fórmula empresarial e que rematará o 1 de xullo coa entrega de Premios á Cooperación 2017.

Outros colexios premiados foron o IES Pino Manso do Porriño (Pontevedra); o CEIP plurilingüe Domaio de Moaña (Pontevedra); o CEIP Sestelo Baión de Vilanova de Arousa (Pontevedra); o CPI Monte Caxado das Pontes (A Coruña); o CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo); e o IES Monte Neme de Carballo (A Coruña).

Así mesmo, desenvolverase o programa Cooperativismo en movemento co que se levará ás vilas galegas as vantaxes das cooperativas con exposicións e a través da actuación do monologuista Marcos Pereiro. Esta campaña xa comezou en Foz, en Lugo, e estenderase a Chantada, Pontevedra e Vilanova de Arousa, en Pontevedra; Porto do Son, na Coruña; e ao Carballiño, en Ourense.

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

14 de xuño de 2017 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.