publicidade hoxe

O Festival Piano Meeting de Ourense presenta os gañadores da fase de concurso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Presentación dos gañadores do festival Piano Meeting

Presentación dos gañadores do festival Piano Meeting

Piano Meeting 2017 presentou esta mañá os gañadores seleccionados polo xurado na fase de concurso, que terán a oportunidade de tocar neste festival a finais do mes de setembro na cidade das burgas, coa colaboración da Xunta de Galicia, do Concello de Ourense e de Viaqua. Representantes destas tres institucións participaron hoxe na rolda de prensa na que se deron a coñecer os 10 músicos seleccionados para participar no festival, dirixido polo pianista Javier Otero Neira.

O primeiro clasificado, premiado con 1.000 euros, foi Juan Daunesse, pianista madrileño, e o segundo premio, dotado con 500 euros, divídese entre Elena Frutos, de Madrid, e ASR Jazz Trío, do Carballiño. Os outros sete seleccionados son Dúo Gamma, cuxos integrantes proceden de Silleda e de Madrid; Darío Meta, madrileño residente en Alemaña; Andrés Navarro, de Madrid; Carlos Gil, de Vigo; Estefanía Cereijo, de Bueu; Jacobo Ramos, da Coruña; e Trío Quijote, de Madrid. Todos eles terán a viaxe e o aloxamento pagos pola organización para acudir a tocar no festival.

Un proxecto pioneiro e singular

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou durante a rolda de prensa o interese da programación do festival, ao que se referiu como unha oportunidade para o diálogo musical entre artistas galegos e doutros puntos do Estado e do estranxeiro. Así mesmo, incidiu na singularidade da iniciativa, que ofrecerá actuacións na rúa durante todo o día, para o que se disporá de catro pianos en distintos espazos emblemáticos da cidade.

“Todo isto cos obxectivos de achegarlle a cidadanía unha programación musical de calidade nun formato novidoso, próximo e participativo, e de situar a Galicia no mapa cultural con este tipo de eventos que se están a celebrar nalgunhas das principais cidades do mundo”, afirmou o secretario xeral, que participou na rolda xunto co alcalde e a concelleira de Cultura de Ourense, Jesús Vázquez e Belén Iglesias, respectivamente; o director do festival, Javier Otero Neira; e Julio Masid, director xeral de Viaqua.

Máis de 50 participantes

En total participaron 55 candidatos procedentes de toda España e residentes en países como Alemaña, Holanda ou Reino Unido, e cuxos estudos musicais se desenvolven en prestixiosos centros, como a Escola Raíña Sofía, a Universidade Alfonso X O Sabio, os conservatorios superiores de Vigo e da Coruña, os conservatorios profesionais de Santiago de Compostela e de Ourense, o Conservatorio Superior de Aragón, a ESMUC, o Conservatorio Superior do Liceo de Barcelona, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, a Escola Superior de Música de Lübeck (Alemaña), o Conservatorio de Maastrich (Holanda) ou a Universidade de Leeds (Inglaterra).

O xurado

O xurado estivo conformado por Miguel Vizoso, profesor do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; Abe Rábade, pianista de jazz e profesor da Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto; Fernando Buíde, compositor e profesor do Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela; Nicasio Gradaille, profesor do Conservatorio Superior de Vigo; e Javier Otero Neira, pianista e director do Festival.

O próximo 14 de xullo daranse a coñecer outros 25 seleccionados polo xurado que competirán a través das redes sociais por un dos 10 postos que completarán a listaxe de 20 pianistas que terán lugar e hora asignados para tocar no festival.

Piano Meeting 2017 celebrarase a finais do mes de setembro en Ourense e contará coas actuacións dos 20 seleccionados na fase de concurso, que terán lugar ao aire libre en lugares emblemáticos da cidade. Incluirá tamén obradoiros de piano para neófitos e concertos de grandes pianistas convidados, ademais de favorecer a participación de pianistas espontáneos que se animen a tocar.

21 de xuño de 2017 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.