publicidade hoxe

O Cumio hispano-luso de gobernos locais que se celebra en Coimbra potencia a cooperación transfronteiriza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar participou hoxe no Cumio hispano-portugués dos gobernos locais, celebrado en Coimbra (Portugal), destacando que Ourense “é a provincia máis internacional de España, ao contar con 219 quilómetros de fronteira con outro país –Portugal-“, e subliñando “o papel central da provincia ourensán na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. O cumio contou coa presenza de presidentes de gobernos locais e provinciais, representantes da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e da Associaçao Nacional de Municipios Portugueses (ANMP). Entre os temas que se trataron destacaron reforzar a alianza dos Poderes Locais da Península Ibérica no contexto europeo; o papel dos poderes locais no próximo Marco Comunitario de Apoio, e a cooperación transfronteiriza dos territorios no ámbito local.

No acto, que tivo lugar no convento de Sao Francisco, en Coimbra, participaron xunto a Manuel Baltar o presidente da FEMP, Abel Caballero, e seu homólogo portugués e alcalde de Coimbra, Manuel Machado, así como presidentes provinciais e locais de España e Portugal e o vicepresidente Europeo de Cidades e Gobernos Locais Unidos (CGLU).

Na xuntanza determinouse crear un grupo de traballo conxunto, con diferentes comisións, para definir liñas de actuación en cooperación transfronteiriza, infraestruturas, comercio, turismo, cultura e fondos europeos, e tamén se decidiu que os municipios españois e portugueses traballarán xuntos para definir as posicións e demandas que, a medio prazo, defenderán conxuntamente diante das institucións europeas.

Esta reunión de Coimbra serviu para “afianzar o exemplo dunha nova Europa sen fronteiras”, afirmou Manuel Baltar, e os gobernos locais e provinciais de ambos países amosáronse como o “anti-brexit”, a Europa que quere ser unida e forte.

Abel Caballero e Manuel Machado cualificaron como “histórica” esta reunión, dado que é a primeira vez que manteñen unha xuntanza as dúas federacións de entes locais, unha reunión que xera moitas expectativas e que amosa o grande potencial que teñen os territorios locais e provinciais.

O presidente da Deputación de Ourense remarcou a importancia dos temas tratados, “pola relevancia que supoñen para os nosos territorios”, e apuntou que se debateron “asuntos como o tren de Alta Velocidade, a mellora das infraestruturas, e a necesidade de desenvolver posicións conxuntas do Sur de Europa no contexto comunitario”. “O máis destacado é o consenso entre todos para a creación de grupos de traballo en diferentes áreas, algo fundamental para a preparación do próximo marco comunitario”, afirmou Baltar.

Un dos ámbitos destacados no cumio foi o relativo á realidade transfronteiriza, onde a provincia de Ourense xoga un papel importante na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e no que destaca o carácter pioneiro da eurocidade Chaves-Verín. Neste ámbito territorial entre os dous países ábrese un amplo marco de cooperación que fai necesaria a aplicación de fondos. De feito, días pasados Manuel Baltar presentou os proxectos do Programa POCTEP aprobados pola Unión Europea para Ourense, cuxo importe total ascende a seis millóns de euros, dos cales máis dun millón de euros investiranse na provincia de Ourense, co obxectivo de potenciar os ámbitos termais, natural, económico e turístico do territorio ourensán.

Asemade, os responsables provinciais e locais concordaron que diante do reto 2020 é necesario abrir frontes comúns nos ámbitos do comercio, o turismo e a cultura, para defender posicións comúns en materia de fondos europeos.

7 de xuño de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.