publicidade hoxe

O ciclo “Do Audible” propón un concerto con obras para percusión en diálogo coa auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaXinzo de Limia
A-
A+

O ciclo de música contemporánea Do Audible regresa cunha nova sesión mañá mércores, 21 de xuño, ás 20:30 horas, no Museo Galego do Entroido (Xinzo de Limia), onde terá lugar o concerto Memorias líquidas. Trátase dun espectáculo con obras para percusión que utilizan a auga como obxecto de exploración artística, sexa de forma simbólica ou mesmo real, a través da manipulación do líquido como instrumento musical.

O percusionista brasileiro Luís Bettencourt convidará o público a apreciar sons que adoitan pasar desapercibidos da nosa atención, como o que provoca o caer das pingas da choiva sobre o chan ou sobre obxectos, nun fluxo sonoro continuo e inspirador.

Ademais de lles render unha homenaxe á auga como un elemento precioso para a vida humana e aos compositores que a utilizaron como inspiración para a creación de obras peculiares da música dos séculos XX e XXI, este espectáculo procura instigar a curiosidade e, ao mesmo tempo, contribuír a achegar o público á estética musical contemporánea a través da gran familiaridade que teñen as persoas con este elemento, que ten servido de inspiración para poetas, pintores, compositores e filósofos.

Próximos concertos

A quinta edición do ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora botou a andar o pasado día 9 de xuño en Pontevedra co concerto caligrafía do son. Para gozar da segunda quenda do ciclo haberá que esperar ata o próximo 7 de novembro, día no que se celebrará no Paraninfo da Universidade da Coruña o concerto Hibridación. Trátase dnha proposta que conta como convidado co zoólogo Julio Parapar, participante en expedicións da Antártida, e que introducirá o público nos conceptos arredor da evolución das especies, para indagar nas liñas da evolución dos instrumentos musicais.

Para pechar o ciclo Do Audible 2017 resérvase a que é unha das propostas máis representativas das novas formas de composición e interpretación: Recoller cascallos, o día 23 na Casa do Saber de Lugo, coa participación do ensemble de Estrasburgo convidado nesta edición, L’Imaginaire.

Do Audible, na Axenda de Cultura de Galicia

A programación do ciclo Do Audible 2017, de entrada gratuíta para todos os concertos e sesións previas ata completar a capacidade, pode consultarse Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal

20 de xuño de 2017 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.