publicidade hoxe

O ciclo Do Audible arranca cun espectáculo único de música e caligrafía xaponesa en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

Trazo e son dialogan no concerto inaugural do ciclo de música contemporánea Do Audible, que arranca mañá, ás 20:30 horas, na basílica de Santa María a Maior. A música do compositor xaponés Hosokawa, interpretada por Vertixe Sonora Ensemble, e a arte da performer e mestra calígrafa Aoi Yamaguchi centran o programa multidisciplinar Caligrafía do son, que tamén contará coa participación da videoartista Masako Hattori.

A quinta edición do ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e Vertixe Sonora inicia cun espectáculo único que ofrecerá varias presentacións históricas do compositor Hosokawa, recoñecido pola súa fusión da música clásica tradicional coa estética oriental. Trátase da estrea mundial de “Souvenir aus Japan”, dúas estreas en España e a reestrea dunha partitura de 1981, perdida e recuperada recentemente.

Diálogo entre trazo e son

O Shodō, caligrafía xaponesa, unha das belas artes máis populares no Xapón, transfórmase na arte da expresión física dunha performance neste espectáculo, no que tamén terá lugar unha intensa conversa entre a música de Hosokawa e a do seu modelo artístico Tōru Takemitsu, de quen se escoitará a interpretación da partitura gráfica “Corona for Pianist(s)” (1962), raramente programada.

Próximos concertos

O programa Do Audible continuará o 21 de xuño noutro escenario singular, o Museo Galego do Entroido (Xinzo de Limia), que acollerá o concerto Memorias líquidas. O percusionista brasileiro Luís Bettencourt convida neste espectáculo á apreciación de sons que adoitan pasar desapercibidos da nosa atención, como o son do caer das pingas da choiva sobre o chan ou sobre obxectos, nun fluxo sonoro continuo e inspirador.

Haberá que esperar o outono para gozar da segunda quenda do ciclo, que abrirá Hibridación o 7 de novembro no Paraninfo da Universidade da Coruña. Unha proposta que conta como convidado co zoólogo Julio Parapar, participante en expedicións da Antártida, e que introducirá o público nos conceptos arredor da evolución das especies, para indagar nas liñas da evolución dos instrumentos musicais.

Para pechar o ciclo Do Audible 2017 resérvase a que é unha das propostas máis representativas das novas formas de composición e interpretación: Recoller cascallos, o día 23 na Casa do Saber de Lugo, coa participación do ensemble de Estrasburgo convidado nesta edición, L’Imaginaire.

Concertos de entrada gratuíta

A programación do ciclo Do Audible 2017, de entrada gratuíta para todos os concertos e sesións previas ata completar a capacidade, pode consultarse Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal

8 de xuño de 2017 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.