publicidade hoxe

“Mulleres en acción. Violencia Zero” chega ao Grove coa performance de Alba Blanco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, asistirá este xoves 29 de xuño ás 12:30 horas na praza do Concello a unha nova intervención artística organizada polo programa “Mulleres en acción. Violencia zero”, que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra a violencia machista así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade. Nesta ocasión, o programa ofrece unha actuación da artista viguesa Alba Blanco Boga, que leva por título “Fender a morada de Barbazul”.

A galega Alba Blanco é unha artista visual, ilustradora e performer que amosou a súa obra en exposicións, mostras, festivais, concellos e espazos públicos de Galicia, España, Alemaña, Holanda, Arxentina, Ecuador e Irlanda. Chega ó Grove coa súa obra “Fender a morada de Barbazul”, unha reescritura de Tamara Andrés do conto do pirata Barbazul.

“Mulleres en acción. Violencia zero” reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

28 de xuño de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.