publicidade hoxe

Medio Rural actúa en 27 quilómetros da rede de camiños da parcelaria de San Vicenzo de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilasantar
A-
A+

A Consellería do Medio Rural está a traballar en preto de 27 quilómetros da rede de camiños principais da reestruturación parcelaria de San Vicenzo de Curtis, no concello coruñés de Vilasantar. Deles, 11,6 (un 44% do total) corresponden a camiños de nova apertura e noutros 15 aprovéitase o trazado de vías xa existentes. Está previsto rematar estas actuacións, que avanzan a moi bo ritmo, no verán do vindeiro ano.

Estes labores serven para facilitar o acceso aos novos predios de reemprazo, xerados como consecuencia deste proceso de organización das terras agrarias, así como para intercomunicar de forma axeitada os distintos núcleos de poboación entre si e coas novas leiras. Os labores consisten basicamente no afirmado das vías, obras de drenaxe, sinalización e, en xeral, mellora e posta en valor dos camiños existentes e apertura doutros novos.

Esta parcelaria beneficiará a 469 propietarios, actuándose nunha superficie total de 1.112 hectáreas, distribuídas en 3.666 parcelas. Medio Rural leva investido neste proceso arredor de 1,6 millóns de euros, dos que aproximadamente 1,5 millóns corresponden á devandita rede de camiños principais. O proceso encóntrase na fase de bases definitivas, é dicir, no que están rematados os trámites de identificación dos propietarios, a determinación exacta da superficie e a clasificación das terras.

Nesta fase atópase tamén a parcelaria de Barbeito, no mesmo concello de Vilasantar, que actúa sobre sobre outras 1.000 hectáreas e beneficia a 407 propietarios. Nesta zona está previsto comezar en breve os traballos da rede de camiños, co investimento doutros 1,5 millóns de euros.

A propia conselleira Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, supervisou hoxe estas actuacións e destacou a súa importancia para vertebrar debidamente o territorio, como parte esencial do proceso de reestruturación da terra. Vázquez salientou ademais a vocación agrogandeira de Vilasantar, que, segundo dixo, fai necesario manter o esforzo, por parte da Xunta, na mellora das súas infraestruturas rurais, tanto para favorecer o seu dinamismo económico como para garantir uns axeitados niveis de calidade de vida aos veciños.

Así llelo explicou aos representantes da xunta local desta parcelaria, cos que mantivo un encontro de traballo antes de visitar as obras nos camiños. Esta xuntanza súmase ás mantidas anteriormente pola propia conselleira con estes veciños e cos da parroquia de Barbeito. Medio Rural instou no seu día aos beneficiarios de ambas parcelarias a solicitar a súa adaptación á Metaga (Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia), co fin de darlles maior axilidade e seguridade xurídica, unha proposta que foi escoitada polos veciños. Así, hoxe en día ambas parcelarias avanzan consonte a esta lei, o que entre outras cousas permite, ademais, a inclusión efectiva dos núcleos rurais no proceso de reestruturación.

Procesos en toda Galicia

Este de San Vicenzo de Curtis é un dos 130 procesos de reestruturación nos que Medio Rural está a traballar neste ano 2017, cun investimento de 26,9 millóns de euros, que supón un incremento de preto do 22% con respecto ao pasado exercicio. Se o comparamos coa media dos últimos catro anos, o crecemento orzamentario sube ata o 122,48%. Con estes fondos vaise actuar en 116.170 hectáreas en toda Galicia.

Ángeles Vázquez remarcou que a reestruturación parcelaria é, ademais, unha das 23 medidas que conforman o Plan de fixación de poboación no medio rural, no que traballa o seu departamento. En particular, no eixo de cohesión territorial, hai un orzamento previsto de 72 millóns de euros no horizonte de 2020, dos cales 26,9 millóns corresponden a este tipo de procesos e executaranse ao longo de 2017.

13 de xuño de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.