publicidade hoxe

Medio Ambiente conclúe o trámite ambiental da modificación do proxecto sectorial do parque empresarial de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conclúe o trámite ambiental da modificación puntual do Proxecto sectorial do parque empresarial de Mos. Así, mediante o informe ambiental estratéxico emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que hoxe recolle o Diario Oficial de Galicia, o departamento autonómico considera que esta modificación permitirá o asentamento e expansión de novas empresas garantindo a disposición de recursos, a optimización dos custes en infraestruturas de transporte e o consumo eficiente do solo.

Así, segundo se indica neste informe, a modificación que formula o órgano de xestión do solo de Galicia, Xestur, non terá efectos negativos relevantes sobre o medio ambiente, debido a que se trata dunha variación menor e o solo da zona delimitada está xa transformado, polo que mantéñense as condicións actuais dos terreos. Cabe agardar, iso si, unha recuperación do medio socioeconómico e a competitividade empresarial grazas á mellora dos servizos urbanísticos, que permitirán unha distribución eficaz das actuacións empresariais.

Con todo, o departamento de Medio Ambiente sinala a necesidade de adoptar as medidas preventivas necesarias para minimizar as emisións e a xeración de residuos e para garantir a eficiencia enerxética. Así, co fin de cumprir coas esixencias do informe ambiental estratéxico, deberase presentar un informe de seguimento que inclúa un listado de comprobación das medidas previstas no programa de vixilancia ambiental.

Cómpre salientar que esta modificación puntual ten por obxecto mellorar a funcionalidade do parque e ofrecer máis seguridade xurídica aos potenciais empresarios. Deste xeito, valórase o interese público desta acción que ten xustificada a súa variación puntual.

Por último, é necesario sinalar que, debido a que se trata dunha variación puntual de escaso alcance, prescindirase da emisión dun informe final.

14 de xuño de 2017 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.