publicidade hoxe

Marta Míguez: “a Secretaría Xeral para o Deporte ofrecerá as ferramentas necesarias para que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades no deporte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaOurense
A-
A+

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez participou no serán de hoxe nunha mesa redonda que tivo lugar no IES Blanco Amor sobre ‘A muller no deporte’. Alí, a máxima responsable do deporte a nivel autonómico salientou que a Xunta de Galicia aposta e confía nun “deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas; un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións”. Neste sentido, Marta Míguez asegurou que, a Secretaría Xeral para o Deprote “ofrecerá as ferramentas administrativas necesarias para que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades, no noso caso, no eido do deporte”.

No que atinxe ás mulleres galegas no deporte, a secretaria xeral destacou grandes nomes como os de Teresa Portela, Tamara Abalde, Vero Boquete, María Bernabéu ou Susana Rodríguez Gacio, das que destacou a súa “bravura, valentía e heroicidade”.

Respecto ao traballo desenvolvido desde a Secretaría Xeral para o Deporte en prol das mulleres, Marta Míguez destacou medidas como “incentivar o número de licencias femininas e a porcentaxe de mulleres presentes nas xuntas directivas dos clubs, sociedades anónimas, agrupacións e federacións deportivas; premiar as accións que velen pola igualdade efectiva entre mulleres e homes como a adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte; valorar positivamente os proxectos das federacións relacionados co fomento do deporte feminino; garantir o dereito á igualdade salarial entre os traballadores e traballadoras das federacións e nas nosas subvencións aos deportista galegos de alto nivel; ou contemplar, no borrador do novo Decreto de deportistas de alto nivel, novas vantaxes para as mulleres”.

Na mesa redonda que tivo lugar no Salón de Actos do IES Blanco Amor, a secretaria xeral destacou o papel da educación e do deporte como “as ferramentas máis útiles para construír unha sociedade igualitaria; unha Galicia que non entende de divisións, nin segregacións, nin discriminacións”.

19 de xuño de 2017 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.