publicidade hoxe

Marnotes informa ao Clúster do Naval Galego do Plan de formación especializada para 3.000 traballadores do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Vigo na asemblea da Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), onde informou sobre o Plan de formación no naval que está desenvolvendo a Xunta para especializar a 3.000 traballadores do sector.

Marnotes explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 12 millóns de euros entre 2017 e 2018 para que o sector do naval conte con traballadores mellor preparados. Este primeiro plan sectorial de formación especializada en Galicia suporá, segundo afirmou o director xeral, a realización de 170 cursos para persoas tanto desempregadas como ocupadas.

Do que se trata é de atender as necesidades formativas do sector naval, facendo fincapé nas novas tecnoloxías vinculadas coa Industria 4.0; ao tempo que se dota aos centros dos equipamentos necesarios para impartir esta cualificación. Por iso, este plan tamén inclúe a modernización do centro FP Ocupacional de Ferrol e do Centro Integrado de FP de Vigo aos que se lles renovará, entre outros, os talleres de soldadura, tubaxe ou mecanizado.

Para formación para desempregados, o programa inclúe cursos de soldadura, tubaxe e demais accións relacionadas co sector en centros públicos de Ferrol, A Coruña, Vigo, Valga, Cee, Fene e Bueu e entidades homologadas pola Administración autonómica.

Tamén para persoas sen emprego, haberá 20 unidades formativas nas empresas do naval. Os beneficiarios son as firmas con máis de 50 traballadores que poden programar a formación máis específica e adaptada ás súas necesidades de produción. A Xunta, en palabras de Marnotes, financia o 100% da formación nas compañías. As firmas que contraten a máis dun 60% do alumnado poderán recibir incentivos á contratación, que poden chegar aos 9.000 euros.

En global, para a formación para desempregados investiranse ao redor de 7,5 millóns de euros para poñer en marcha preto de 90 cursos e 20 unidades formativas para máis de 1.600 persoas.

Formación para ocupados

Con respecto á formación para traballadores, as accións formativas desenvolveranse nos centros homologados pola Xunta e, ademais, impartirase cualificación a través de organismos intermedios en novos procesos industriais vinculados á Industria 4.0. O Goberno galego prevé especializar en dous anos ao redor de 1.300 profesionais do sector cun investimento de 3,5 millóns de euros e 80 cursos. As especialidades a impartir serán identificadas polo propio sector e os axentes sociais e económicos.

Do que se trata, en definitiva, é de facilitar o acceso ao mercado laboral dos galegos e galegas e especializar aos profesionais deste sector adecuando a formación á demanda real das empresas, rematou Marnotes.

15 de xuño de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.