publicidade hoxe

Licitada a redacción dos proxectos de construción de 13 novas sendas peonís e ciclistas na comarca de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de licitar o contrato de servizo para a redacción dos proxectos de construción de 13 sendas peonís e ciclistas na comarca de Pontevedra e concellos limítrofes, nas que a Xunta inviste un orzamento duns 3 millóns de euros.

O contrato, cun investimento de preto de 253.000 euros, terá un prazo de 12 meses para a súa redacción, coa fin de que os primeiros documentos estean redactados a comezos do vindeiro ano para iniciar a licitación das obras. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste anuncio: goo.gl/jhQ1S5

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. A continuación, detállanse as sendas proxectadas para esta comarca.

Plan de sendas de Galicia

Estas actuacións están enmarcadas na segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que contempla sendas seguras e sustentables para as comarcas de Pontevedra, Ourense, O Morrazo e Lugo. Na primeira fase, que se puxo en marcha nas comarcas de A Coruña, Ferrol, Bergantiños, Santiago, Vigo, O Salnés e Chantada, xa se están a desenvolver as actuacións proxectadas.

Entre a 1ª e a 2ª fase do plan, desde a Xunta estase a impulsar a construción de 95 novas sendas, máis de 120 novos km de itinerarios peonís e ciclistas en 11 comarcas de galegas, que suporán un investimento de preto de 37 millóns de euros.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Trátase dun proxecto coordinado e froito do diálogo, porque na súa elaboración contouse coa opinión dos concellos, para determinar as actuacións máis necesarias e axeitadas en cada zona.

26 de xuño de 2017 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.