publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Goretti Sanmartín defende o libro como “motor de desenvolvemento económico” na inauguración da Feira do Libro de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

“A actividade da lectura é tamén un motor económico, que dá postos de traballo e riqueza, que contribúe ao desenvolvemento do noso país”, dixo a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na súa intervención no acto de inauguración da Feira do Libro de Riveira”.

Cun efusivo “isto é un acto de amor” o actor Serafín Marcos foi o encargado de introducir e ler o pregón na inauguración da Feira do Libro de Riveira na que, ademais de Goretti Sanmartín participaron o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez e o alcalde de Riveira, Manuel Ruiz. A Feira do Libro estará aberta na Praza do Concello de Riveira dos días 22 a 25 de xuño.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín agradeceu á Federación de librarías de Galiza por “continuar teimando en encher as rúas e as prazas de libros, e de facelo contra vento e maré, sabendo que os tempos son especialmente duros, que se le pouco, que se compran poucos libros” ademais de anotar que poucas veces se entende “que a actividade da lectura é tamén un motor económico, que dá postos de traballo e riqueza, que contribúe ao desenvolvemento do noso país”.

Dentro da difícil situación que atravesa o sector do libro, Goretti Sanmartín mostrou especial preocupación polo descenso da publicación de libros en galegos. “O sector deunos xa unha lección uníndose, xuntando forzas e conseguindo resistir, logrando que estas feiras continúen e sexan unha festa”, dixo, avogando pola maior visibilización do libro galego nas librarías e destacando o papel do sistema educativo á hora de crear hábitos lectores.

A vicepresidenta da Deputación sinalou que, de estar a inaugurar unha Feira de Pesca, “ninguén dubidaría de que iamos a falar de Economía, de que somos unha potencia pesqueira, aínda que nos poñan tantos problemas para pescar e para decidirmos sobre o noso mar”, mais, asegurou que “o sector do libro é tan fundamental no noso país como o da pesca. Éo polo que significa desde a perspectiva de coñecemento e de innovación, de argumentos para mellorarmos as nosas vidas e polo que posúe de goce e capacidade para expresarnos e identificarnos” dixo, mais, destacou tamén o que significa o sector economicamente para o noso país. “Eliminarmos eses espazos de relación directa co libro, eses lugares para nos determos e decidirmos que aventura imos comezar significa anular postos de traballo, reducir o mercado editorial, atacar a industria cultural, fundir a nosa liña de flotación”, explicou.

Goretti Sanmartín rematou a súa intervención en Riveira facendo unha louvanza da literatura vinculada ao mar, desde Martín Códax a Paco Souto, “ese noso altísimo poeta que nos adentrou no mar e que o mar nos levou para sempre feríndonos profundamente o corazón”.

“Para Paco Souto, a poesía, a palabra era un antídoto contra a indiferenza e contra a morte, era unha fonte de saúde, un remedio para os nosos males, a nosa arma favorita, a maneira de estar, pacífica e transgresoramente no mundo”, rematou, nunha homenaxe ao poeta recentemente falecido e as persoas “que sufriron naufraxios e traxedias no mar, achegádevos aos libros para amalos tanto como amades o mar”.

22 de xuño de 2017 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.