publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

González Formoso presenta en Arzúa a nova actualización da EIEL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaLocal Portada
A-
A+
González Formoso en Arzúa

González Formoso en Arzúa

Un total 250 quilómetros de estradas atravesan Boimorto, Melide conta con 15 instalacións deportivas, o sistema de alumeado público de Arzúa está conformado por 1.271 puntos de luz, Toques conta con 437 vivendas das cales 60 están desocupadas, a rede principal de abastecemento de auga de Santiso mide 20,4 quilómetros e no concello de Touro hai 11 centros cívicos e culturais. Son algúns exemplos dos datos que xa están dispoñibles a través da web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL).

As novidades desta nova versión da enquisa, que constitúe o repertorio máis completo das infraestruturas e servizos locais dos concellos da provincia, foron presentadas hoxe polo presidente provincial, Valentín González Formoso, aos alcaldes e concelleiros da comarca do interior coruñes.

Valentín González Formoso definiu a EIEL coma unha “completa radiografía dos equipamentos dos concellos de menos de 50.000 habitantes” e destacou a súa “utilidade para o deseño das políticas e a planificación de obras e investimentos tanto dos concellos como da propia Deputación”.

“A EIEL permite a transversalidade da información, volcando na rede todos os datos de infraestruturas e equipamentos dos concellos. Con este instrumento podemos saber cantos quilómetros ten a rede de saneamento de Arzúa ou cantas estradas pasan por Toques”, apuntou o presidente provincial, que subliñou a súa utilidade “tamén para os concellos pequenos”.

Máis de 4,5 millóns de datos

Formoso anunciou que a sétima actualización da enquisa, na que a Deputación está traballando en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), estará completada este verán e “catalogará un extenso inventario de máis de 4,5 millóns de datos”.

O presidente provincial recoñeceu que se trata dunha ferramenta aínda moi descoñecida, a pesar de que a Deputación coruñesa foi pioneira na súa posta en marcha no ano 1986. Ao longo destas tres décadas, a enquisa veuse actualizando periodicamente con novos datos e mellorando diversas ferramentas informáticas para xestionar e mellorar as funcionalidades e aplicacións prácticas desta base de datos.

Formoso sinalou que a EIEL ten un “especial interese” para os alcaldes, posto que pon a disposición dos servizos municipais unha inxente base de datos que “describe ao milímetro todo o territorio provincial”, permitindo coñecer datos como que na provincia existen actualmente 177.088 puntos de luz, 25.533 tramos de saneamento, 24.629 tramos de redes de abastecemento de auga, ou máis de 87.000 tramos de estradas.

No apartado técnico, os encargados de explicar aos alcaldes as novidades da actualización da EIEL foron os responsables dos laboratorios de investigación de enxeñería, bases de datos e estudos territoriais da Universidade da Coruña, así como o responsables do servizo de Atención aos Concellos da Deputación, Francisco Freire.

Os responsables do desenvolvemento da EIEL expuxeron varios exemplos prácticos de datos recollidos na enquisa, como as distintas cualificacións do solo e plans urbanísticos de cada núcleo, así como os sistemas de saneamento e abastecemento de auga, que inclúen un importante volume de información coma os tipos de captación, os puntos de bombeo, lonxitude e diámetro da rede e anos de execución das obras.

A Deputación da Coruña, pioneira en facilitar o acceso público aos datos

Os responsables técnicos da UDC explicaron a complexidade da elaboración da EIEL debido á importante dispersión xeográfica e subliñaron que a Deputación da Coruña foi a primeira de España en adaptar esta inxente base de datos a un sistema XIS de información xeográfica, que fai máis fácil e intuitivo o acceso á información, permitindo visualizar cada dato nun mapa. Así mesmo, destacaron que a Deputación da Coruña tamén estivo entre as primeiras institucións públicas en abrir unha web con datos cartográficos para o uso público.

Cun simple clic, multitude de datos coma os equipamentos culturais, deportivos, sanitarios e de ocio de cada municipio, a rede viaria, a subministración eléctrica, o acceso a internet, os servizos de correo e telefonía, a recollida de residuos e plantas de tratamento, o abastecemento e saneamento de auga, as plantas de potabilización ou as depuradoras, entre outros elementos, son accesibles ás administración públicas e a calquera cidadán interesado.

Entre os retos de futuro da enquisa, Deputación e UDC proxectan agora a mellora da súa utilidade para os municipios, para a institución provincial e para a cidadanía en xeral, implantando novas funcionalidades que permitan realizar análises intermunicipais que comparen infraestruturas entre varios concellos, así coma a adaptación da web EIEL para a súa consulta a través de dispositivos móbiles, un dos principais modos de acceso a internet na actualidade.

22 de xuño de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.