publicidade hoxe

Galegos residentes en 22 países diferentes interesáronse polas ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Secretaría Xeral da Emigración publicou este luns a listaxe provisional de solicitudes admitidas para a primeira convocatoria das ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, novo programa posto en marcha polo departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda. Con el, o Goberno galego posibilitará que cen titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, podan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

As solicitudes rexistradas e que non teñan completada toda a información segundo as esixencias da convocatoria, dispoñen desde hoxe do prazo legal previsto para poderen completar o seu expediente.

Do número total de solicitudes recibidas (184), o 80’43 por cento do total (148) procede de América, e o restante 19’57 por cento (36) de Europa. Os países americanos nos que reside o maior número de solicitantes son Venezuela (46) e Brasil (40), pero recibíronse tamén peticións desde Arxentina, Uruguai, México, Costa Rica, Cuba, Perú, Chile, Panamá, Ecuador, Bolivia, Estados Unidos, e mesmo Haití. Desde Europa, o maior número chegou desde Reino Unido (21) e Alemaña (9), pero houbo tamén expedientes chegados de Francia, Italia, Suíza, e mesmo Polonia e Chipre.

Cómpre salientar igualmente que, do total de solicitudes, o 80 por cento corresponde a cidadáns galegos nados xa na diáspora: esa cifra correspóndese coa porcentaxe xeral de galegos residentes no Exterior e que naceron no estranxeiro.

Atraer poboación

As ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’ serán xestionadas por Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para atraer cada ano a galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

19 de xuño de 2017 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.