publicidade hoxe

Francisco Conde destaca a aposta pola mellora constante da empresa Prosistemas como clave da súa competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Francisco Conde na visita a Prosistemas

Francisco Conde na visita a Prosistemas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita á empresa Prosistemas, con sede no Porriño, a aposta pola mellora constante nos procesos desta compañía como clave da súa competitividade. Así, apuntou que a busca continua da excelencia levou a Prosistemas a ser hoxe unha das firmas líderes no mundo no seu sector, empregando a 54 persoas e cunha facturación que o ano pasado roldou os 8,5 millóns de euros.

O conselleiro apuntou que a compañía de enxeñaría civil basea o seu éxito na especialización na elaboración de reforzos estruturais, na restauración de formigón e na fabricación de pavimentos industriais, comerciais e deportivos. É precisamente nesta última actividade na que teñen desenvolto un maior esforzo innovador, e así, conseguiron o premio Golden Trowel Awards no 2014 e no 2016, outorgados aos mellores pavimentos en alta planimetría, por traballos realizados para Inditex e Tavil, respectivamente.

Na súa visita, Conde destacou o novo sistema de aplicación de pavimentos que hoxe presentou a compañía, unha nova liña de negocio desenvolta en colaboración coa Universidade de Vigo, como unha mostra de como a transferencia de coñecemento dos centros de investigación permite avanzar ao tecido empresarial.

Neste sentido, incidiu en que a aposta pola innovación é a clave para que as empresas galegas sexan competitivas a nivel global, unha innovación que non se restrinxe só ás grandes compañías senón que se ten convertido nunha aposta de Galicia no seu conxunto.

Por iso, segundo sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, a Xunta ten que estar ao lado das pemes ofrecéndolle as diferentes ferramentas ao seu dispór, como ten feito con Prosistemas, que redefiniu o seu negocio apoiándose no programa ReAcciona, cuxa nova convocatoria contará cun orzamento de 2 millóns de euros para apoiar preto de 500 plans por parte de pemes e autónomos. Prosistemas ademais participou no Conecta Peme para desenvolver un proxecto de formigóns sen cemento.

Tal e como sinalou o conselleiro, empresas como Prosistemas exemplifican os valores que se perseguen tanto coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) como coa Axenda Galicia-Industria 4.0, buscando un novo modelo máis competitivo e baseado no coñecemento.

26 de xuño de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.