publicidade hoxe

Francisco Conde aposta por fortalecer a economía social entre Galicia e Portugal a través do programa Laces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Francisco Conde no encontro de Cooperativas Galicia-Norte de Portugal

Francisco Conde no encontro de Cooperativas Galicia-Norte de Portugal

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou polo fortalecemento do sector da economía social entre Galicia e Portugal para reforzar e impulsar o tecido empresarial desta Eurorrexión, durante a súa participación no Encontro de Cooperativas Galicia-Norte de Portugal celebrado esta mañá en Valença. “O cooperativismo tamén ten que estar na axenda transfronteiriza”, sinalou.

Neste sentido, avanzou que o proxecto Laces, que conta cun orzamento global de 2,9 millóns de euros e que está cofinanciado por Feder, é un programa de colaboración con Portugal no que se vai establecer unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social como marco para constituír empresas e emprego de calidade e a Eurorrexión como territorio propicio para facelo. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes.

A través deste proxecto, desenvolveranse foros de debate, estadías de formación, bolsas de axudas e a constitución de diferentes laboratorios para realizar proxectos de emprendemento no eido da economía social. Deste xeito, o obxectivo é facer de Galicia e Portugal un exemplo de cooperación territorial en Europa.Como mostra deste compromiso, no marco do encontro, a Consellería de Economía Emprego e Industria asinou un protocolo de colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) e coa Cooperativa Antonio Sergio para a Economía Social (Cases).

Tal e como explicou o conselleiro, o Goberno galego leva tempo impulsando a economía social e o cooperativismo en Galicia a través da aprobación da Lei de Economía Social, que da voz a un sector que aglutina 7.000 entidades; coa creación da Rede Eusumo, formada por 191 entidades para fomentar o cooperativismo; e destinando recursos para o impulso do emprendemento colectivo -cun orzamento que este ano ascende a 5,4 millóns de euros-.

Na súa intervención, o conselleiro expresou, en nome do todo o Goberno galego e dos seus habitantes, as condolencias polo tráxico suceso do pasado sábado e tendeu a man da Xunta para colaborar en todo o que poida precisar Portugal: “Ante situacións de emerxencia como a que está a vivir Portugal, os valores de cooperación que inspiran a Eurorrexión que conformamos cobran máis forza ca nunca”, afirmou.

20 de xuño de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.