publicidade hoxe

Educación licita por 500.000 euros a rehabilitación integral do CPI Virxe do Monte, en Cospeito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeito
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar as obras de rehabilitación integral do Colexio Público Integrado (CPI) Virxe do Monte, en Cospeito (Lugo), por un importe de preto de 500.000 euros cofinanciados con fondos Feder, tal como publica hoxe o DOG, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170630/AnuncioG0164-260617-0001_gl.html.

Os traballos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) desde centro que foi edificado no ano 1974 e que precisa dunha actuación para dotar de maior confortabilidade aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento.

A actuación afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento da fachada exterior, a substitución de ventás e portas actuais da planta baixa e dos patios interiores por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Un conxunto de medidas coas que se prevé obter un aforro de enerxía primaria non renovable en torno do 15 por cento. Así mesmo, levarase a cabo a reparación e pintado de paramentos interiores

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería está a realizar estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se poida determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos colexios nos que se vai actuar.

Outra actuación deste tipo na provincia tamén se executará no CEIP Lagostelle (Guitiriz), cuxa obra sairá a licitación nas vindeiras semanas. Estas dúas obras de rehabilitación enerxética e funcional súmanse ás executadas xa o ano pasado no CEIP Rosalía de Castro, en Lugo, e no CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla, obras que supuxeron un investimento global de 1.026.000 euros.

Todas elas enmárcanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúa no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

30 de xuño de 2017 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.