publicidade hoxe

Deputación e Concello de Lugo súmanse ao Orgullo LGTBI 2017 con exposicións, obradoiros, coloquios e actuacións musicais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira; á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo; á Presidenta da Asociación de familias de menores trans (ARELAS), Cristina Palacios Castro, e ao Presidente da Asociación Lugo Monumental, David Fernández, presentaron este martes no Museo Provincial de Lugo o Orgullo LGTBI: Lugo Diversx 2017. Trátase da programación de actividades, totalmente gratuítas e para todas as idades, que organiza o Goberno da Deputación a través da Rede Museística, coa colaboración do Concello de Lugo, ARELAS e Lugo Monumental, dende o 23 ao 30 de xuño na capital lucense para conmemorar o Día Internacional do Orgullo LGTBI que se celebra o vindeiro 28 de xuño.

Santos Ramos subliñou que “dende as administracións públicas debemos defender os dereitos de todos os veciños e garantir que non se produza ningún tipo de discriminación xa sexa por sexo, cor de pel ou orientación sexual. Por iso, promovemos este tipo de campañas para concienciar á cidadanía na diversidade, pois estamos convencidos da importancia da educación para favorecer o respeto a este colectivo. Quero pór en valor a loita pacífica de todo este movemento e das persoas que forman parte del, pois foron e seguen a ser perseguidas e marxinadas pola sociedade polo único feito de ter gustos diferentes.”

Pola súa banda González Abelleira convidou aos veciños a participar nas actividades en favor da visibilidade do colectivo LGTBI e subliñou que “Lugo como cidade diversa non podía quedarse atrás”.

Ademais desta iniciativa, o Goberno da Deputación programa durante todo o ano nos 4 museos da Rede Museística exposicións, obradoiros e actividades que promoven e defenden a igualdade, como o proxecto Nós+outrxs en rede, ao mesmo tempo que fomentan e difunden o traballo dos artistas da provincia de Lugo.

Programación

O Executivo Provincial e o Concello de Lugo ofrecen distintas actividades, totalmente gratuítas, co gallo do Día do Orgullo LGTBI. A programación é a seguinte:

– O venres 23 de xuño ás 12:00 horas terá lugar o izado da bandeira LGTBI e da lectura do manifesto no Concello de Lugo. Ás 12:45 horas, no Pazo de San Marcos colgarase un cartel do LGTBI e ás 13:00 horas no Museo Provincial de Lugo terá lugar a inauguración da mostra Nos+outrxs en Rede. Lugo Diversx. Redes da liberdade que estará exposta ata o 30 de xuño. É unha mostra na que participan artistas de toda España que achegan distintos tipos de pezas como debuxos, textos ou fotografías produto das súas particulares reflexións arredor do Día do Orgullo.

– O domingo 25 de xuño ás 12:30 horas celebrarase o percorrido polo casco histórico As cores da Diversidade. Ás 13:30 horas terá lugar a solta de globos con mensaxes na Praza da Soidade. Durante a xornada haberá un xantar popular nos xardíns do Museo Provincial e un mercado solidario. Ás 18:00 horas comezará o obradoiro para nenxs e mozxs sobre diversidade sexual impartidos por alumnos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Lugo, e para rematar o día, ás 20:00 horas na Praza da Soidade terá lugar o concerto Pola liberdade de ser e sentir, no que actuarán os grupos Canela Cafuné e As Supremas de Lugo.

– O mércores 28 de xuño ás 18:00 horas no Museo Provincial de Lugo terá lugar o obradoiro Arte como terapia impartido polo artista transexual Kristopher Dios co que reflexionará sobre a utilidade de crear como ferramenta de auto-coñecemento, de análise e sobre todo como terapia.

– O venres 30 de xuño ás 18:00 horas na Sala de exposicións do Pazo de San Marcos celebrarase o coloquio A discriminación e a LGTBifobia no deporte profesional.

Ademais durante todos estes días desenvolveranse accións reivindicativas en espazos públicos como pintar os pasos de peóns coas cores da bandeira da diversidade.

20 de xuño de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.