publicidade hoxe

Cores Tourís asiste ao repranteo das obras de ampliación do IES Francisco Asorey de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Cores Tourís na visita ao IES Francisco Asorey de Cambados

Cores Tourís na visita ao IES Francisco Asorey de Cambados

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao repranteo das obras de ampliación do IES Francisco Asorey de Cambados.

Estivo acompañado no acto polo concelleiro de Educación de Cambados, Víctor Caamaño, así como polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, representantes da empresa adxudicataria, San José, e o director do centro, Ángel Manuel Rey.

“Grazas a esta ampliación, o centro poderá atender á demanda da implantación da FP Básica, así como a adaptación dos ciclos formativos profesionais á LOMCE, que pasan a ter unha duración de 2.000 horas”, explicou Cores Tourís, quen engadiu que os traballos se desenvolverán na época estival, minimizando así o impacto na actividade habitual do IES. “A empresa traballará sábados e domingo si fai falta, porque queremos que as obras estean rematadas en catro meses”.

Segundo establece o proxecto, para a ampliación do centro procederase á demolición dunha parte da cuberta existente e, a partires de aí, proceder á construción de novos espazos destinados a aulas e espazos polivalentes.

É dicir, que se substituirá a baixo cuberta actual por unha nova planta, de 600 metros cadrados útiles, que albergará un total de sete novas aulas (2 aulas polivalentes, 3 aulas taller e 2 aulas de desdobre), así como dous aseos e almacén de limpeza.

A ampliación do IES Francisco Asorey enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas 2016-2020 deseñado pola Consellería de Educación, que ten como obxectivo mellorar a infraestrutura e o equipamento educativo para garantir unha educación pública de calidade.

Estas obras reflicten o compromiso da Xunta coas infraestruturas educativas no Concello de Cambados, onde, tan no último ano, invistiu máis de medio millón de euros en catro centros escolares. Ademais da ampliación do IES Francisco Asorey, cómpre destacar as melloras no IES Ramón Cabanillas (coa cuberta da pista polideportiva e a iluminación do centro, así como obras de reparación no pavillón) por un importe de 133.000 euros; a dotación de aseos e ampliación da biblioteca no CEIP San Tomé (60.000 euros); e a reparación das ventás do CEIP Castrelo (outros 60.000 euros).

En total, nas dúas últimas lexislaturas, os centros educativos de Cambados recibiron case 3 millóns de euros para diferentes reformas, melloras e ampliacións de todos os centros da localidade.

Todos estes investimentos son posibles grazas ao Plan de Infraestruturas da Consellería 2016-2020, así como aos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade co que o Goberno central vén de recompensar a Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit marcado.

13 de xuño de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.