publicidade hoxe

Concello de Santiago e EDS organizan o II Torneo Memorial Antonio Bermúdez

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá o II Memorial Antonio Bermúdez, organizado polo Concello e a Escola Deportiva Santiago. Na rolda estivo acompañada polo presidente da mesma, Santiago Araújo; o director técnico do torneo, Óscar Vilariño; e o fillo do coñecido locutor homenaxeado, Toño Bermúdez.

O torneo desenvolverase o sábado 1 de xullo no campo de fútbol de Santa Isabel. A competición comezará ás 10:00 horas e rematará ás 13:30 horas coa entrega de trofeos.

O torneo está destinado ás categorías Prebenxamín, Benxamín e Alevín. Este formato enfrontará a catro equipos en forma de semifinais e final. Os equipos participantes son Escola Deportiva Santiago, Villestro, Atlético Fátima, RC Celta de Vigo e unha selección dos crianzas que participen no III Campus ETC, que se celebrará do 26 ao 30 de xuño.

Aposta polo deporte base

O obxectivo, ademais de fomentar a práctica deportiva, é transmitir entre os máis pequenos e as súas familias unha serie de valores tales como o esforzo, o respecto, o traballo en equipo… Por iso ás 11:30 horas haberá un descanso no que se desenvolverá unha charla con Óscar Martínez, colexiado de 2ª División B, e Rocío Vázquez, psicóloga especializada no ámbito deportivo, que dará unha visión diferente do fútbol base.

En canto ás bases do torneo, será de tipo eliminatoria. Disputarase en partidos de 25 minutos aplicándose a clasificación á final ao vencedor de cada eliminatoria, e a disputa do terceiro posto entre os perdedores de ditas eliminatorias. Á finalización do partido se fose o resultado de empate, realizarase unha serie alternativa de tres penaltis por equipo, para poder determinar o gañador.

A concelleira fixo fincapé na “importancia do deporte base como unha das claves e unha das grandes apostas deste Concello. Por iso colaboramos con todas as entidades que comparten, coma nós, esta aposta polas categorías inferiores que serán os deportistas e as deportistas de elite do futuro. E mais sendo conscientes da necesidade tamén de educar dende o punto de vista do respecto no ámbito deportivo”.

Ademais, Noa Morales tamén quixo destacar a figura de Antonio Bermúdez “xornalista deportivo que traballou durante toda a súa carreira sendo a voz dos deportes de Radio Galicia – Cadena SER. Fixo moitísimos quilómetros seguindo o Compos e o Santiago Futsal e tampouco perdeu ningún partido do Obradoiro”.

Este II Memorial celebrarase o vindeiro sábado 1 de xullo no Campo de Fútbol de Santa Isabel.

20 de xuño de 2017 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.