publicidade hoxe

Comeza o Programa de Conciliación de Verán en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Os CEIPS Raíña Fabiola e das Fontiñas acollen dende o pasado luns as actividades do programa de conciliación de verán que este ano leva por nome “Multiaventura en Compostela”.

O Programa Municipal de Conciliación conta cun total de 100 prazas divididas entre ambos centros. O programa desenvolverase os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño; todo o mes de xullo e os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O horario será de 7:45 a 9:00 horas se os nenos e nenas se apuntan ao servizo de madrugadores, de 9:00 a 14:00 horas cos obradoiros e actividades, e de 9:00 a 16.00 horas no caso de anotarse ao servizo de comedor escolar.

Durante o día de hoxe tivo lugar un obradoiro de música tradicional no que os nenos e nenas bailaron e se divertiron. A maiores haberá saídas e roteiros, obradoiros de reciclaxe, xogos grupais, de auga, populares, agricultura ecolóxica, actividades deportivas, de animación á lectura e actividades de inglés.

Os obxectivos do programa de conciliación pasan por promover actividades que favorezan a diversión, creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades de lecer e tempo libre, promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; e coñecer o entorno que nos rodea.

Escolas infantís

Os obradoiros de verán están a levarse a cabo nas tres escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. Os participantes son nenos e nenas empadroados no Concello que cursen 2º ciclo de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos.

Os horarios dos obradoiros son de 10:00 a 14:00 horas durante os meses de xullo e agosto completos e días soltos de xuño e setembro. Ofrécese a posibilidade de solicitar servizo de almorzo de 9:00 a 10:00 horas e servizo de comedor de 14:00 a 15:00 horas. Tamén se ofrecen horas a maiores entre as 7:30 e as 10:00 horas, así como entre as 14:00 e as 16:00 horas.

O número total de prazas é de 45, distribuídas en 15 para cada escolar.

28 de xuño de 2017 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.