publicidade hoxe

Comeza o curso de verán ‘Afonso X, cronista e protagonista do seu tempo’ no centro Ramón Piñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Valentín García na inauguración do curso de verán

Valentín García na inauguración do curso de verán

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) acolle na súa sede do compostelán Pazo de San Roque, desde hoxe e ata o próximo 28 de xuño, o curso ‘Afonso X, o Sabio: cronista e protagonista do seu tempo’. Dirixido pola profesora da Universidade de Santiago (USC) e investigadora do CRPIH Elvira Fidalgo Francisco, forma parte da programación da Universidade de Verán 2017 da USC e na súa organización colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración do curso poñendo o foco no papel do rei sabio na construción da literatura galega medieval e no avance da lingua galega e resaltando “o legado das Cantigas de Santa María, que ás veces non sabemos apreciar en toda a súa dimensión”. “O que nos deixou Afonso X nesta obra”, recalcou o secretario, “foi un tesouro literario e musical sen parangón no medievo europeo do que nos temos que sentir especialmente orgullosos todos os galegos”.

A canda Valentín García estiveron na mesa inaugural a directora do curso, Elvira Fidalgo, e o estudante de doutoramento Manuel Negri, quen proximamente defenderá unha tese sobre as Cantigas de Santa María.

Afonso X e o seu tempo

O curso ‘Afonso X, o Sabio: cronista e protagonista do seu tempo’, de 25 horas lectivas de duración, está dirixido a un público amplo, de persoas non especialistas pero interesadas na figura e no legado do monarca castelán tanto desde un punto de vista histórico, coma social, lingüístico e literario. Conta con especialistas de diferentes ámbitos (filólogos, historiadores, historiadores da arte, musicólogos, especialistas en novas tecnoloxías aplicadas á edición de textos medievais…) e de demostrada capacidade para a transmisión de contidos de xeito ameno e agradable.

O curso pretende ofrecer unha introdución ao reinado de Afonso X, abordando o contexto histórico e os conflitos a que tivo que facer fronte o monarca e deténdose no seu labor de promotor da cultura desde unha corte que converteu en centro da produción literaria do seu tempo. Debuxarase o mapa lingüístico da península Ibérica no século XIII e analizarase a relación do rei co galego e co castelán, facendo especial fincapé no seu papel de patrocinador de diversas obras escritas en ambas as linguas e, sobre todo, nas Cantigas de Santa María e o seu carácter de fonte de información fundamental sobre a sociedade medieval, os seus usos e costumes.

26 de xuño de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.