publicidade hoxe

Cecilia Vázquez defende unha Europa máis inclusiva e solidaria a través da XXIII edición do Concurso Euroescola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, fixo entrega hoxe do premio da XXIII edición do Concurso Euroescola aos alumnos do CPR Padre Feijoo de Zorelle (Ourense). Esta iniciativa pedagóxica está organizada pola Oficina de Información do Parlamento Europeo en España en colaboración coa Representación en dito país da Comisión Europea e a Secretaría do Estado para a Unión Europea.

Cecilia Vázquez felicitou ao equipo gañador e destacou a orixinalidade do traballo, elaborado polo equipo ‘L.A.R’, formado por 10 mozos e mozas de 4º da ESO e coordinado pola profesora Beatriz Nieto, e que consistía nunha reflexión sobre a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, baixo o título Fóra medos. “As aspiracións e os valores que defenden e que nos trasladan en apenas un minuto de traballo audiovisual poden e deben ser compartidos por todos os que defendemos unha Europa más inclusiva, máis integradora e máis solidaria, e que eses desexos de valentía e liberdade sexan transmitidos por unha xeración que xa os ten asumidos no seu ADN consegue que miremos o futuro europeo con máis esperanza”, sostivo a directora xeral, que animou a non “baixar a garda para non dar pasos atrás”.

Esta edición de Euroescola estivo dedicada ao 60 aniversario da sinatura dos Tratados de Roma (1957-2017) co obxectivo de reflexionar cos mozos e mozas sobre o proceso de transformación da Unión Europea en espazo de liberdade, xustiza e seguridade ao longo destas seis décadas, espazo recollido na Carta dos Dereitos Humanos da UE.

A directora xeral puxo en valor o premio acadado, xa que os galardoados se converterán por un día en eurodiputados na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia), con mozos e mozas seleccionados dos outros estados membros da UE. “Nesta experiencia coñecedores o traballo dos eurodiputados a través de debates sobre temas de actualidade e que serán do voso interese xa que se centrarán na mocidade, e estaredes en negociacións co resto de participantes e nas votacións ou adopcións de acordos, o que os acercará aínda máis a complexidade da gobernanza europea”, indicou a titular autonómica aos escolares gañadores.

Os alumnos e alumnas tamén terán a posibilidade de interactuar e intercambiar información nun idioma distinto ao seu, así como dar a coñecer o seu centro educativo e o lugar de procedencia como intercambio de coñecementos que reflicte a diversidade dos pobos de Europa e enriquece o diálogo cultural.

Na iniciativa da Euroescola desta edición participaron 304 equipos educativos de toda España, dos que foron premiados 19 (un por cada Comunidade e cidades autónomas). Ademais da experiencia no Parlamento Europeo, o equipo galego recibirá da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado unha mochila con material didáctico para cada un dos membros do equipo, que complementará o material que recibirán da Representación da Comisión Europea en España, a Secretaría de Estado para a UE, o Servizo Español para a internacionalización da Educación, o Instituto da Xuventude de España e a Embaixada de Italia en España.

Os obxectivos fundamentais desta iniciativa foron, ademais de achegar a UE aos mozos/as, mellorando os seus coñecementos e implicación na construción de Europa, fomentar o uso de internet e das novas tecnoloxías como ferramentas educativas. Por iso, o traballo consistiu na elaboración dun vídeo dun minuto e medio de duración máxima.

5 de xuño de 2017 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.