publicidade hoxe

Cangas recibe preto de 40.000 euros do “Plan Concellos 2017”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega para o concello de Cangas do Morrazo ao abeiro da liña 1 do “Plan Concellos 2017” de investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará a cantidade de 36.905,17 € para a urbanización da rúa Rosalía de Castro.

Con anterioridade, Cangas xa recibira 517.139,64 €, tamén na liña 1 de investimentos, para un proxecto de reposición de servizos e da pavimentación da rúa Buenos Aires, a humanización das rúas Baiona e Méndez Núñez, a compra dunha rozadora de brazo articulado con mando hidráulico e de material de recambio para as máquinas que limpan as praias, adquirir un vehículo eléctrico para o seu servizo de mantemento dos parques e xardíns municipais e para a memoria valorada dos arranxos da cuberta da rúa Praza de Abastos. Ademais, 163.353,49 € en liña 2 para o tratamento de residuos urbanos e, por último, a cantidade de 196.364,66 euros que permitirán que 29 persoas desenvolvan as súas profesións nos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Grazas a esta nova achega, a vila de Cangas do Morrazo xa leva aprobado o 83,9% do total de investimento que recibe dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 913.762,96 € dun total de preto de 1.100.000 euros.

13 de xuño de 2017 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.