publicidade hoxe

Cambados converterase na capital do fútbol feminino da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

As persoas afeccionadas ao fútbol teñen mañá unha cita ineludible na provincia de Pontevedra. Trátase da gran final da Copa de Fútbol Feminino Deputación de Pontevedra, que este ano se xogará en Cambados por mor de ser esta a Cidade Europea do Viño “Pola Igualdade” 2017. Trátase dunha elección, ademais, incluída dentro das actividades impulsadas pola institución provincial en apoio á vila do Salnés por este recoñecemento e que foron recollidas nun convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cambados.

Os equipos que se enfrontarán nesta ocasión serán o Ana Vidal Atlético Arousana, chegadas desde Vilagarcía de Arousa, e o Sárdoma C.F., da cidade de Vigo. O encontro comezará ás 21:15 horas e terá lugar no campo de Burgáns cambadés, malia que todas as persoas que non poidan asistir terán a oportunidade de velo tamén online, xa que o poderán seguir por streaming desde a páxina web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal. Con esta clasificación, ademais, repítese o mesmo resultado que na final de 2015, que xogaron os mesmos dous equipos, e supón a terceira clasificación consecutiva do Atlético Arousana. Nestes dous equipos recae a responsabilidade de suceder ao Olivo vigués, cuxas xogadoras ostentan o título de campioas ao gañar a Copa Deputación de Pontevedra do ano pasado.

Ao encontro asistirán, entre outras autoridades, a Presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal. Carmela Silva asegurou que “estou segura de que neste encontro amosarase o enorme potencial que ten o deporte feminino na nosa provincia, que está chea de campioas que están a demostrar, en todas as disciplinas, que van sendo horas de que o deporte feminino teña o mesmo grao de apoio institucional e social que as variantes masculinas”.

19 de xuño de 2017 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.