publicidade hoxe

Cambados acolle o terceiro encontro 2017 de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

O Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados acollerá mañá, xoves 29 de xuño, a “III xornada de convivencia” do 2017 de usuarios e usuarias do Servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra, que pretende ofrecer un día de ocio e lecer alternativo para estas persoas, que rache coas súas rutinas diarias, e no que tamén poidan aproveitar para intercambiar experiencias e problemáticas comúns polas que sen ven afectadas.

A actividade, á que asistirán a deputada de Cohesión Social Digna Rivas e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, está dirixida aos usuarios e usuarias do servizo de teleasistencia dos concellos de Cambados, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa e contará cun espectáculo de maxia e animación a cargo do Mago Noel, globoflexia e música, todo acompañado por un pequeno ágape.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia da Deputación é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ó día e 365 días ó ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de “mans libres” dos teléfonos móbiles.

Ademais do seguimento teleasistido e as xornadas de convivencia, o programa inclúe visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas. No ano 2016 o servizo efectuou destas 276 visitas de seguimento, que se sumaron ás que se realizan habitualmente para a resolución de diversas incidencias.

As próximas Xornadas de convivencia deste 2017 están programadas para Cuntis (Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga), Mondariz (A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño e Soutomaior); Agolada (Agolada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e Tomiño (Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui).

28 de xuño de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.