publicidade hoxe

Caldas de Reis acolle a terceira cita de “Depo RúARTE 2017”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

A praza das Palmeiras de Caldas de Reis acollerá este sábado 1 de xullo a terceira cita do programa “Depo RúARTE 2017”, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude. Esta iniciativa, que estreouse en 2016, ten por obxectivos ofertar actividades de música, baile e pintura urbana para a mocidade da provincia como alternativa de ocio. Ó evento asistirá a deputada de Cohesión Social e Xuventude Digna Rivas.

Respecto á edición de 2016, unha das principais novidades de “Depo RúARTE 2017” é que tódalas actividades concentraranse nunha mesma xornada, entre as 17 e 20 horas. Despois de Nigrán e Marín, Caldas de Reis acolle unha nova edición deste programa no que se organizarán obradoiros entorno a tres iniciativas: MusicARTE, UrbanARTE e CreARTE.

Con MusicARTE ofreceranse tres obradoiros grazas os cales as mozas e mozos participantes poderán aprender breakdance, turntablism DJ e beatbox. En canto a UrbanARTE se ofrece un unha actividade para a creación e elaboración de pinturas coa base dos graffiti co fin de comunicar ideas, inquedanzas e preocupacións do presente e do futuro. Por último, CreARTE consiste en personalizar gorras con debuxos coloridos elaborados na parte frontal.

Este ano, por vez primeira o programa promovido pola institución provincial terá un compoñente inclusivo, para que mozas e mozos e monitoras e monitores con diversidade funcional tamén poidan participar nas actividades de Depo RúARTE. Todos os mozos e mozas maiores de 12 anos de Caldas de Reis e da comarca están invitados a participar nestes obradoiros. Só teñen que acercarse a partires das 17 horas á praza das Palmeiras.

Este ano, o programa da Deputación de Pontevedra, tras pasar por Nigrán, Marín e Caldas de Reis, visitará os concellos da Estrada, Silleda, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Poio, Mondariz, O Porriño e Tui.

30 de xuño de 2017 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.