publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Balseiro destaca en Vilalba que a Xunta adapta a oferta de formación profesional á demanda local para responder ás necesidades do mercado de traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+
Balseiro na visita ao IEA Lois Peña Novo

Balseiro na visita ao IEA Lois Peña Novo

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe en Vilalba que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adapta a oferta de formación profesional á demanda local “para responder con maior eficiencia ás necesidades do mercado de traballo”.

O delegado realizou estas declaracións durante unha visita ao Instituto de Educación Secundaria (IES) Lois Peña Novo, de Vilalba, que implantará o vindeiro curso un novo ciclo de grao medio en réxime ordinario de Atención a persoas en situación de dependencia.

Balseiro explicou que este é un exemplo de adaptación da oferta “a unha especialidade moi demandada pola comunidade educativa do instituto, xa que se aprecia nos últimos anos que existe un importante xacemento de emprego no eido da atención sociosanitaria”.

Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

Novos ciclos na provincia

A Consellería tamén implantará o vindeiro curso o ciclo de grao medio de Xardinaría e floraría (IES Plurilingüe San Rosendo, Mondoñedo), e en grao superior o de Educación infantil (IES Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos).

Ademais, duplica as prazas de FP dual na provincia. Así, o IES de Foz impartirá unha das tres dobres titulacións – que se implantan por primeira vez en Galicia- en Dirección de cociña e en Dirección de servizos de restauración, en colaboración con Arlea Hotels. Este ciclo permitirá ao alumnado estes dous títulos en tres cursos académicos en lugar dos catro habituais.

Ademais, este curso poranse en marcha os ciclos de grao medio de Cociña e gastronomía (IES Sanxillao, Lugo, coa empresa Oca Hotels), Aproveitamento e conservación do medio natural (IES San Rosendo, Mondoñedo, con 12 empresas e a Asociación Provincial de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo), e Electromecánica de maquinaria (CIFP Porta da Auga, Ribadeo, con 7 empresas).

En grao superior, tamén na modalidade dual, será novo o ciclo de Estética integral e benestar (IES Muralla Romana, Lugo, con Oca Hotels).

22 de xuño de 2017 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.