publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de remodelación da avenida da Mariña mellorarán a seguridade peonil e a accesibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, destacou esta mañá que as obras de remodelación e reordenación da Avenida da Mariña en Foz mellorará a seguridade peonil e a accesibilidade dunha das principais vías de entrada ao núcleo de Foz.

Rivas Díaz supervisou esta mañá -xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro- as obras que está a realizar a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e que foron licitadas por un importe global de 760.000 euros.

A directora xeral indicou que estas obras inclúen a renovación da rede de alumeado, o mobiliario urbano e o axardinamento, así como a pavimentación de beirarrúas e calzada e a reorganización do tráfico na Avenida da Mariña, que na actualidade presenta unha rúa de 14 metros con beirarrúas de ancho variable. Tamén salientou que hai unha carencia de áreas verdes ou zonas libres de uso e falta homoxeneidade do tecido urbano.

Pola contra, salientou o potencial e a fortaleza desta rúa non só para os veciños senón tamén para os comercios que se sitúan nela, xa que é unha das rúas comerciais máis importantes ademais da entrada principal a Foz.

Encarnación Rivas destacou que grazas aos traballos que xa se están a desenvolver ampliaranse as zonas peonís, para dar unha maior e segura presenza ao peón; o incremento de áreas verdes e renovación do axardinamento e a mellora do mobiliario urbano e do pavimento, incrementando así a accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Neste senso, dentro da ampliación das zonas peonís, vaise reorganizar o tráfico e agrupar as prazas de aparcamento, de tal forma que se poidan intercalar illotes para os peóns. Así mesmo, para a mellora do mobiliario urbano, renovarase a rede de alumado e crearanse puntos de xestión para os colectores de residuos, reducindo o impacto visual e tamén os malos olores.

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010, e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Desde a posta en marcha do plan, en 2010, o Goberno galego realizou 157 actuacións que beneficiaron a 114 concellos e supuxeron un investimento de 123 millóns.

26 de xuño de 2017 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.