publicidade hoxe

A Xunta trasladará a Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación de Ourense ao Pazo de Xustiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Xunta vén de decidir trasladar a Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC) da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Industria de Ourense, que actualmente está emprazada na rúa Concejo da cidade das Burgas, para o Pazo de Xustiza. A decisión enmárcase no plan de reorganización de espazos que está a levar a cabo a Delegación Territorial da Xunta en Ourense.

Esta medida contribuirá a prestar un servizo de maior calidade aos seus usuarios, ao tempo que produce sinerxias positivas. Por un lado, dáselle máis contido ao Pazo de Xustiza cun novo uso compatible coa actividade xudicial e, por outro, este traslado contribúe á reorganización de espazos administrativos coa finalidade dun aforro en alugueiros.

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, explicou que a decisión se adoptou logo de avaliar as súas vantaxes e de contar coa colaboración do presidente da Audiencia Provincial. O novo espazo que vai acoller a UMAC, na planta baixa do Pazo de Xustiza, reúne mellores condicións para atender as necesidades deste servizo e das persoas que asistan aos actos de conciliación laboral e dos seus representantes legais. Ademais, Díaz Mouteira subliña o beneficio da compatibilidade cos usos xudiciais, xa que os letrados, graduados sociais e demais profesionais que interveñen ante a UMAC serán os que acheguen as súas demandas ante os órganos xurisdicionais no caso de non alcanzar un acordo na xurisdición social.

Aforro de alugueiros

O local da rúa Concejo, actual sede da Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación de Ourense, é propiedade da Xunta e está previsto que proximamente acolla un servizo autonómico que agora está emprazado nun inmoble de alugueiro.

Así, esta actuación enmárcase tamén no plan “Alugueiros 0” implantado pola Consellería de Facenda que aposta pola política de reestruturación de dependencias da Administración autonómica buscando renegociar ou prescindir de todos os espazos que fose posible dos que non ten a propiedade, para poder destinar este diñeiro a outros fines que redunden na mellora de calidade da vida dos cidadáns.

O traslado realizarase a primeiros do mes que vén, logo de acometer obras na planta baixa do Pazo de Xustiza para mellorar a súa funcionalidade. Os traballos consisten na construción dunha parede coa finalidade de dividir o espazo e crear dúas salas, unha para reunións e outra para conciliacións; ademais da reparación da pintura do teito.

A Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación de Ourense conta actualmente con 5 traballadores e o seu ámbito de actuación é o laboral. A conciliación ante este servizo é un requisito previo á vía laboral ante o Xulgado do Social.

19 de xuño de 2017 | 20:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.