publicidade hoxe

A Xunta transforma a praza de Covadonga nun espazo máis habitable e saudable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Beatriz Mato na inauguración do novo espazo

Beatriz Mato na inauguración do novo espazo

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de recuperación da Praza de Covadonga, en Ourense, que supuxeron a transformación de máis do 72 por cento do espazo, agora máis habitable e saudable. Así, segundo indicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante o acto de inauguración, no que estivo acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada provincial, Marisol Díaz; “isto xa non é unha obra, senón unha realidade urbanística que mellorará a calidade de vida dos veciños da cidade”, xa que pasarán a dispoñer de zonas de xogo para os cativos e elementos biosaudables para os maiores, ademais de nova pavimentación, iluminación, servizos e mobiliario urbano.

Unha actuación, en definitiva, enmarcada no Plan hUrbe, que contou cun investimento do máis de 177.000 euros e co que se cumpre, dixo a conselleira, “co obxectivo de facer desta praza e a súa contorna un lugar máis accesible e saudable”.

Trátase, polo tanto, dun espazo de 3.400 metros cadrados de superficie que presentaba os problemas habituais xerados polo seu uso combinado co paso do tempo e que agora están totalmente renovados. A estes problemas déuselles solución mediante unha recuperación do firme do perímetro, visiblemente deteriorado a causa das raíces dos plátanos; a a separación por idades da zona infantil de xogos e a dotación de elementos específicos para os cativos de entre 3 e 6 anos, entre os que destacan unha randeeira, un asento bebé, subibaixa e arenero; e un completo multixogo para os máis grandiños. Ademais, os maiores tamén poderán mellorar a súa mobilidade e equilibrio grazas á instalación de elementos biosaudables de fitness.

En canto aos servizos, cómpre destacar o incremento da eficiencia enerxética a través da optimización no reparto de luminarias e a dotación de novo mobiliario urbano, como son papeleiras, fonte-bebedoiro, un aparcabicicletas, conxuntos de mesas e bancos de pedra e madeira. Por último, canalizouse a rede eléctrica e telefónica.

A actuación cumpre cos obxectivos do Plan hUrbe

Así, indicou Mato Otero, rexenerouse un espazo dos máis senlleiros da cidade, que, a máis de ser un lugar para o encontro dos veciños, “suporá unha mellora da calidade do seu tempo de lecer”. Igualmente, recordou que esta obra cumpre co triplo obxectivo co que naceu o Plan hUrbe, isto é, fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica cos concellos e promover o reequilibrio na Comunidade mediante a recuperación de espazos coma este, que son “un punto de reunión e unha aposta básica da Xunta de Galicia para a Galicia do futuro”.

Por todo iso, a titular do departamento de Medio Ambiente felicitou ao alcalde da cidade, Jesús Vázquez, por fomentar a colaboración institucional, así como o uso e goce das zonas públicas mediante este tipo de melloras que favorecen a integración das persoas e as relacións humanas.

Ourense concentra un terzo do investimento anual do hUrbe

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente dixo que esta mellora serve, tamén, para visualiza os traballos que este departamento está a realizar na provincia de Ourense. Deste xeito, lembrou que esta provincia concentra un terzo do investimento anual previsto a cargo do Plan hUrbe, que ronda os 10 millóns de euros. Deste modo, ao longo deste exercicio en Ourense estarán executadas ou en vías de execución un total de 16 actuacións noutros tantos concellos por valor de 3 millóns de euros.

Cómpre destacar que desde a posta en marcha do Plan hUrbe en 2010 a Xunta de Galicia destinou á provincia de Ourense máis de 10 millóns de euros cos que se financiaron 64 actuacións en 35 municipios da provincia.

Igualmente, hai que sinalar que o Plan hUrbe comprometeu, desde o 2010, un total de 123 millóns de euros, que se materializaron en 157 accións en 114 concellos da Comunidade.

Mellora do Barrio da Ponte

Por último, a responsable do departamento autonómico anunciou que apoiará ao Concello de Ourense no desenvolvemento do proxecto de mellora e acondicionamento do Barrio da Ponte e para o que Beatriz Mato comprometeu unha partida orzamentaria de 200.000 euros.

13 de xuño de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.