publicidade hoxe

A Xunta presenta o mapa de apoios da GAIN á innovación e a memoria dos 25 anos de Tecnópole

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Patricia Argerey no último almorzo tecnolóxico

Patricia Argerey no último almorzo tecnolóxico

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, participou esta mañá no último almorzo tecnolóxico da tempada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Nel, Argerey presentou o mapa de apoios á I+D+i que Gain está despregando durante 2017 diante de 30 representantes de empresas e outros axentes do sistema galego de innovación instalados no parque tecnolóxico e a súa área de influencia. Ademais, aproveitou para presentar a memoria do 25 aniversario de Tecnópole e a proxección do seu novo vídeo corporativo.

Mapa de apoios completo

Na súa intervención, Argerey fixo un balance da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) así como da situación actual da I+D+i en Galicia. A directora de GAIN lembrou que a RIS3 xa mobilizou 786 millóns de euros no período 2014-2016, dos que 429 millóns foron de fondos públicos, e, ao seu amparo, concedéronse 1700 axudas. O 70% destas axudas tiveron como destinatario empresas e, destas, o 48% eran pemes. Paralelamente, o gasto en I+D sobre o PIB no periodo 2013-2015 en Galicia medrou un 2,29% segundo os datos publicados polo INE mentres que no conxunto do Estado descendeu un 3,93%. Ademais, Galicia triplicou a porcentaxe de proxectos europeos liderados e duplicou os fondos conseguidos en Horizonte 2020 respecto do VII Programa Cadro.

Argerey presentou os instrumentos que a Axencia Galega de Innovación está despregando en 2017, un mapa de apoios que cubre o ciclo completo da innovación. No ámbito da investigación e a transferencia de tecnoloxía, explicou que dende GAIN se seguirá fomentando a excelencia e promovendo a transferencia dos seus resultados.

Os instrumentos que se mobilizarán no ámbito do talento, ademais dos contratos pre e postdoutorais convocados conxuntamente coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son unha nova convocatoria do programa Oportunius para a contratación de gañadores dunha bolsa ERC (European Research Council) e o apoio a investigadores finalistas; unha nova convocatoria do programa Principia para a contratación de persoal cualificado por parte de empresas e entidades de investigación e a creación dunha nova liña de axudas para captar e reter talento.

Pola súa banda, no ámbito do apoio á transferencia de tecnoloxía, daráselle continuidade ao programa Ignicia proba de concepto de transferencia de innovación ao mercado, a través do que se están apoiando sete proxectos e se prevé chegar a un total de 30, e seguirase axudando aos centros tecnolóxicos e unidades de investigación competitivas a través das convocatorias de consolidación e estruturación.

No eido do apoio ás pemes, a principal novidade é o lanzamento dunha nova convocatoria de axudas para que pemes e microempresas implementen plans de innovación. Ademais, anunciou que se prevé unha nova convocatoria do programa Conecta Peme para finais de ano e explicou os instrumentos financeiros innovadores que se poñerán en marcha ademais dos fondos de capital risco I2C, Xesinnova e Galicia Iniciativas Emprendedoras (GIE) e os novos préstamos de innovación. A través das tres convocatorias de Conecta Peme realizadas ata agora, mobilizáronse investimentos por preto de 102 millóns de euros para a realización de 133 proxectos de cooperación nos que participan 518 empresas, a maioría pemes. Pola súa banda, os fondos de capital risco teñen apoiado a través da participación en capital ou préstamos a 60 iniciativas empresariais por preto de 12 millóns de euros.

No tocante á atracción de empresas tractoras cara Galicia, está actualmente aberto o prazo de presentación de solicitudes para a creación e consolidación de Unidades Mixtas de Investigación, agrupacións de organismos de investigación e empresas para o desenvolvemento de actividades de I+D+i en ámbitos estratéxicos para Galicia. Polo momento, creáronse 24 unidades que mobilizan 84 millóns de euros e crean máis de 360 empregos altamente cualificados. Tamén neste ámbito se inscribe a convocatoria de captación de investimentos Industria 4.0.

Por último, no ámbito do apoio ao emprendemento innovador, Argerey presentou a Rede galega de aceleradoras impulsada pola Xunta que permitiu o desenvolvemento, nos catro últimos anos, de 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros. Desta rede forman parte aceleradoras tanto transversais (como ViaGalicia, Connecting For Good Galicia ou Galicia Open Future) como sectoriais (Agrobiotech ou Business Factory Auto, entre outras).

Memoria do 25 aniversario da Tecnópole

No marco deste almorzo, presentouse tamén a memoria dos 25 anos do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Destes 25 anos cómpre destacar que Tecnópole acolleu un total de 284 empresas, centros tecnolóxicos e entidades relacionadas coa innovación. A sociedade xestora participou en 28 proxectos de I+D+i e promoveu a posta en marcha de tres instalacións científico-tecnolóxicas ao servizo de todo o tecido empresarial galego: un laboratorio de biotecnoloxía, un centro de tecnoloxías médicas avanzadas e un centro experimental de enerxías renovables. Ademais, organizou dúas conferencias internacionais de parques tecnolóxicos e multitude de actividades formativas e eventos centrados no intercambio de coñecemento.

No ámbito da divulgación, as 11 Galiciencias organizadas ata agora viron pasar a máis de 20.000 visitantes polas 550 casetas nas que se expuñan os proxectos dos estudantes que os crearon. A isto súmanse os preto de 600 alumnos e alumnas que participaron nos sete cursos das Aulas Tecnópole para achegarse ao método científico e innovador e os 130 que pasaron polo catro campamentos tecnolóxicos de verán organizados ata agora.

A historia de Tecnópole está salpicada de numerosos fitos desde o inicio da súa actividade en 1992. A primeira empresa en instalarse no recinto, Egatel, comeza a súa actividade nun pequeno niño e continúa a súa evolución sen abandonar o Parque en ningún momento, ata converterse na gran compañía que é hoxe, con clientes nos cinco continentes. Durante este tempo, Tecnópole coordinou a posta en marcha da primeira plataforma business to business (B2B) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, puxo en marcha xunto á Universidade de Vigo a primeira preincubadora de proxectos empresariais de Galicia para recén licenciados, ampliou a súa superficie para acoller máis empresas e foi pioneira no ámbito dos parques empresariais ao conseguir as certificacións de calidade e medioambiente fai xa dez anos.

Actualmente, o número de empresas e centros de Tecnópole ascende a 114, con máis de 1.200 traballadores. Os preto de 50 servizos de apoio empresarial que presta e a dispoñibilidade de espazo baixo sete modalidades de acceso diferentes –desde a compra ou o aluguer á domiciliación virtual– son os principais motivos polos que o parque segue espertando o interese de empresas innovadoras.

Por último, presentouse o novo vídeo corporativo de Tecnópole que está dispoñible na súa web https://www.tecnopole.es/.

20 de xuño de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.