publicidade hoxe

A Xunta pecha os últimos detalles para a posta en servizo da nova “Galiña Azul” de Burela en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaLocal Portada
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, desprazouse esta mañá ao concello de Burela, na Mariña luguesa, para pechar co seu alcalde, Alfredo Llano, os detalles finais para a posta en marcha da que será a segunda escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul” nesa localidade, situada na zona de Os Castros e que oferta un total de 41 novas prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos.

Rodríguez e Llano concretaron as datas para o remate do acondicionamento da parcela exterior e axardinamento, que acometerán conxuntamente o Consorcio e o Concello. Esas actuacións realizaranse durante os próximos meses de xuño e xullo, procedendo tamén á instalación do equipamento e mobiliario, co fin de evitar o seu deterioro. Así mesmo o Concello informou de que está ultimando os contratos de subministro de electricidade e telefonía. En calquera caso, o xerente do Consorcio e o alcalde de Burela garanten que o centro entrará en servizo con total normalidade no próximo mes de setembro, para o curso 2017-2018.

Concretamente, a nova escola infantil da “Galiña Azul” en Burela, na que o Consorcio (que co-financiou a obra co Concello) xa investiu máis de 525.000 euros, abrirá as súas portas a mediados do próximo mes de setembro, coincidindo co comezo do curso no resto de centros de nova creación, para que os nenos poidan desenvolver axeitadamente o seu período de adaptación. De feito, as 41 prazas das que disporá este novo centro -xunto coas da nova escola de Arteixo, na Coruña- xa foron incluídas na oferta do período ordinario de matriculación nas escolas da rede autonómica “A Galiña Azul” para o curso 2017-2018.

Cando a segunda “Galiña Azul” de Burela bote andar, a oferta da administración autonómica para nenos de 0 a 3 anos nese concello pasará de 122 prazas (as que ten como capacidade máxima o actual centro da rúa dos Torques), a 163. A elas hai que sumarlle as prazas concertadas e as sufragadas con fondos públicos. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, continúa co seu traballo, encamiñado a ofertar 1000 novas prazas en escolas infantís ao longo desta lexislatura, co obxectivo de facilitar aos galegos e galegas a conciliación da súa vida familiar, laboral e social.

7 de xuño de 2017 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.