publicidade hoxe

A Xunta participa nun exercicio internacional de salvamento e loita contra a contaminación mariña en Santander

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Consellería do Mar, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e de Portos de Galicia, participa hoxe e mañá en Santander no exercicio de ámbito internacional, de salvamento e loita contra a contaminación mariña accidental POLEX 24-17, organizado pola Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar).

Este exercicio intégrase no programa de adestramento establecido polo Plan marítimo nacional e ten como obxectivos reforzar a cooperación entre a Administración marítima española e os organismos internacionais, nacionais, autonómicos e locais relacionados coa seguridade marítima e a loita contra a contaminación mariña accidental. Tamén comprobar a posta en práctica do réxime de coordinación previsto no Sistema Nacional de Resposta ante contaminacións mariñas e o Plan marítimo nacional.

Outros fins de este exercicio son o de revisar o nivel de adestramento do persoal participante nas operacións de salvamento e loita contra a contaminación e poñer en práctica os protocolos operativos de notificación e de loita contra a contaminación mariña.

O exercicio consiste na simulación dun vertido ao mar de 3.000 toneladas de fuel oil pesado do buque tanque ALFA, que queda á deriva na súa ruta con destino ao porto de Bilbao. Tras este suceso simulado, actívase o Plan marítimo nacional en situación de emerxencia nivel 2 e despréganse medios para o seguimento do vertido e para a súa contención e recollida.

Entre o grupo de observadores para seguir o labor do Comité de Dirección está unha técnica do Intecmar que foi a coordinadora da revisión do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal). Ademais, outro técnico do Intecmar forma parte do grupo operativo de predición de derivas. Por outra banda, unha técnica do Cetmar será a encargada de presentar os avances experimentados no proxecto Mariner, que ten como obxectivo mellorar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta a derrames de sustancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP).

15 de xuño de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.