publicidade hoxe

A Xunta levará ata Pontevedra o cooperativismo en movemento para difundir as vantaxes deste modelo empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A campaña Cooperativismo en movemento, coa que a Xunta está levando ás vilas galegas as vantaxes deste modelo empresarial, chega mañá a Pontevedra cunha exposición e o espectáculo de humor Salvar o cooperativista Adrián do monologuista Marcos Pereiro. A Praza da Ferrería acollerá a partir das 21,00 horas esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que está enmarcada dentro da programación que se está desenvolvendo no mes previo ao Día do Cooperativismo Galego, que se celebrará o sábado 1 de xullo.

O actor e humorista galego Marcos Pereiro presentará o seu monólogo acompañado pola banda sonora en directo do pianista Cristian Leggiero. A través de diferentes elementos e recursos, combinados co seu particular humor, amosaranlle ao público asistente o que se pode chegar a facer cooperando cos demais e incluso cun mesmo. Ademais do espectáculo, tamén poderá visitarse unha exposición sobre o cooperativismo galego que se instalará na mesma praza. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao Teatro Principal.

Cooperativismo en movemento xa estivo en Foz e hoxe en Chantada, en Lugo; e proximamente percorrerá as localidades de Vilanova de Arousa, na provincia pontevedresa; Porto do Son, na coruñesa; e O Carballiño, na ourensá.

Outra das iniciativas que a Xunta está levando a cabo para celebrar o mes do cooperativismo é a entrega de premios do certame Cooperativismo no ensino, unha iniciativa na que resultaron galardoados o IES Pino Manso do Porriño (Pontevedra); o CEIP plurilingüe Domaio de Moaña (Pontevedra); o IES Sanxenxo de Portonovo (Pontevedra); o CPI Monte Caxado das Pontes (A Coruña); o CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo); o IES Monte Neme de Carballo (A Coruña); e o CEIP Sestelo Baión, en Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

16 de xuño de 2017 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.