publicidade hoxe

A Xunta inicia a tramitación do decreto do deporte de alto nivel que contará con novos beneficios para os deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Secretaría Xeral para o Deporte, vén de iniciar o trámite de participación cidadá que debe desenvolver con carácter previo á elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. Deste xeito, a través desta consulta pública dáse cumprimento ao establecido no artigo 133 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo que obriga a compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia e a creación e regulación da comisión de avaliación e seguimento, de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

A administración debe poñer a disposición deste colectivo unha serie de medidas que permitan compatibilizar a alta esixencia persoal do deporte de alto nivel coa consecución dunha formación académica que lles abra, nun futuro, a porta do mercado laboral, precisando unha axuda dirixida a súa integración e orientación, tanto laboral como social. Deste xeito, é necesario que os poderes públicos outorguen a protección e asistencia ao deporte de alto nivel, non só mediante axudas económicas concretas, senón tamén mediante outra serie de medidas.

O artigo 5 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia establece, entre outras competencias que lle corresponden a administración autonómica, a de “regular e fomentar o deporte e os deportistas de alto nivel de Galicia e as categorías de deportistas, así como os requisitos para ser incluídos nestas e os seus beneficios”. Así, o artigo 34 reflicte que “Terán a consideración de deportistas galegos de alto nivel, ou doutras categorías que se poidan establecer, aqueles deportistas que reúnan os requisitos establecidos regulamentariamente e sexan recoñecidos como tales pola Administración autonómica en función dos seus resultados, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego”. Igualmente, o artigo 35 inclúe a posibilidade de ampliar o recoñecemento de alto nivel aos adestradores, árbitros e xuíces. No artigo 36 reflíctense os beneficios que pode levar dito recoñecemento, e contempla a posibilidade de “establecer regulamentariamente a condición vitalicia de Deportista galego de alto nivel para aqueles que se caracterizasen especialmente por elevar o nivel do deporte galego ou a representación deportiva de Galicia”.

26 de xuño de 2017 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.