publicidade hoxe

A Xunta impulsa as aulas da natureza que xestiona en Lugo e O Courel para a promoción da educación ambiental e o turismo sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do CourelLugoLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a impulsar as aulas da natureza que xestiona no Veral (en Lugo) e Moreda (Folgoso do Courel) para “promover a educación ambiental e o turismo de natureza sostible”.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, fixo estas declaracións con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra hoxe. Balseiro explicou que a Xunta aprobou recentemente investimentos por importe de 183.000 euros para os proxectos de dinamización e para obras de mellora nas dúas aulas.

Así, dende o mes de abril están en marcha os novos contratos para o desenvolvemento de actividades divulgativas e de interpretación da natureza; unha parte importante deste labor está orientado a grupos escolares, se ben a intención é impulsar a afluencia de visitantes durante todo o ano. A consellería inviste 166.216 euros na execución destes proxectos, que teñen 24 meses de vixencia.

As aulas teñen un amplo horario de apertura, que inclúe fins de semana e festivos. Ofrecen actividades gratuítas, entre elas rutas guiadas pola contorna, adaptadas ás características e idades dos grupos de que se trate.

Ao respecto, cabe sinalar que a aula do Courel está situada en Rede Natura 2000, dentro do espazo protexido ZEC (Zona Especial de Conservación) Ancares-Courel, e a do Veral está enmarcada dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e nas proximidades da ZEC Ladra-Parga-Támoga (humedais e corredores fluviais).

Por outra banda, a Consellería vai acometer obras de mellora nas instalacións de ambos centros. O proxecto máis avanzado é o que afecta á aula do Courel, donde se realizarán traballos de reforma da cuberta de lousa e dos paramentos exteriores á vez que se renovan outros elementos -contras, canalóns…- e parte do equipamento.

O delegado subliñou que “a consellería fai unha aposta por estes centros e pola importante función que desempeñan na sensibilización da cidadanía sobre a necesidade de conservar o patrimonio natural”.

Neste sentido, engadiu que “dos nosos recursos naturais depende a nosa prosperidade, e mesmo depende a nosa calidade de vida”, en sintonía co tema elixido este ano para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente que se centra na conexión das persoas coa natureza.

“A ONU -lembrou Balseiro- invítanos a reflexionar neste día sobre o moito que dependemos da natureza, e isto, que vale para todos os territorios, é especialmente evidente na nosa provincia, onde a paisaxe e os recursos naturais son o piar dos nosos principais sectores económicos e da nosa forma de vida”.

5 de xuño de 2017 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.