publicidade hoxe

A Xunta facilitará o acceso das persoas xordas ás accións de difusión, sensibilización e promoción da sustentabilidade do medio ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Xunta de Galicia facilitará o acceso das persoas xordas ás accións de difusión, sensibilización e promoción da sustentabilidade do medio ambiente. Será a través dun convenio marco de colaboración que esta mañá asinou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, co presidente da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, co fin de avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e favorecer a integración social deste colectivo.

Así, mediante este acordo, o departamento de Medio Ambiente comprométese a incluír nos contratos que se liciten a obriga de aplicar criterios de accesibilidade nos materiais, actuacións ou servizos entregados polas entidades adxudicatarias. Tamén se fomentará a accesibilidade no desenvolvemento das actividades, que, no marco das campañas institucionais de sensibilización e difusión sobre a sustentabilidade, se leven a cabo por parte desta Consellería e garantirase a eliminación das barreiras comunicativas mediante a presenza de intérpretes nas accións de información institucional de carácter público e interese xeral.

Pola súa banda, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia porá a disposición da Administración autonómica os recursos humanos e materiais necesarios para o desenvolvemento das accións contempladas neste acordo, ao tempo que asesorará á Xunta en relación ás garantías de comunicación deste colectivo.

Trátase, en definitiva, explicou a conselleira de Medio Ambiente, “dun convenio marco que se desenvolverá a través de acordos específicos co obxectivo de implantar gradualmente condicións e medidas para que as persoas xordas sexan cidadáns de pleno dereito na nosa sociedade”.

Neste senso, Beatriz Mato felicitou á federación polo labor que vén desenvolvendo desde o ano 1979 e “cuxos obxectivos casan co espírito do convenio que vimos de asinar en relación á erradicación das barreiras de comunicación e as garantías de integración social deste colectivo”.

Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

A sinatura deste convenio de colaboración coincide coa celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que foi declarado por primeira vez polo Goberno central no ano 2014. Esta data marcou, xunto coa aprobación da Lei do 27 de outubro de 2007 pola que se recoñecen as linguas de signos, un fito importante en canto ás garantías de comunicación e información das persoas xordas e xordocegas.

14 de xuño de 2017 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.