publicidade hoxe

A Xunta executará as obras de adecuación da reitoral de San Martiño de Foz este verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prevé executar este verán as obras de adecuación da casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, que conta cun orzamento de 102.826 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que está moi avanzada a licitación deste contrato, que se formalizará nas vindeiras semanas e suporá a execución de obras en acabados e carpintería así como reformas na instalación eléctrica ou de climatización, entre outras.

Ao mesmo tempo, Balseiro indicou que a consellería volverá a licitar o contrato da subministración da fabricación e instalación do proxecto museográfico na reitoral, ao que se destinan 60.400 euros, toda vez que quedou deserto o concurso convocado no mes de abril.

O delegado explicou que “moi probablemente sexa posible adxudicar o proxecto de musealización antes de que rematen as obras de acondicionamento dos locais, que teñen un prazo de execución de tres meses, co cal non se producirán atrasos significativos”.

Balseiro lembrou que ambos contratos teñen por obxectivo a posta en servizo da casa reitoral como museo ou centro de interpretación da basílica de San Martiño. O edificio foi restaurado pola Xunta de Galicia en varias fases, que se completaron coa urbanización do espazo.

“Nesta última fase -apuntou o delegado- proponse o equipamento do inmoble para o seu funcionamento como museo, completando así o proceso de recuperación do conxunto”.

21 de xuño de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.