publicidade hoxe

A Xunta duplicará a oferta pública de prazas de 0 a 3 anos en Mos coa construción da nova escola infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
José Manuel Rey Varela na reunión coa alcaldesa de Mos

José Manuel Rey Varela na reunión coa alcaldesa de Mos

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continua coa súa quenda de encontros cos representantes locais dos municipios galegos cunha nova xuntanza de traballo coa alcaldesa de Mos (Pontevedra), Nidia María Arévalo Gómez. Este encontro enmárcase na liña de diálogo da Consellería de Política Social coas demais administracións públicas de Galicia para xuntar esforzos no ámbito social e optimizar os recursos autonómicos e locais para mellorar a calidade de vida da totalidade da poboación.

Na reunión, que tivo lugar no despacho do conselleiro en San Caetano, os mandatarios galegos abordaron os temas de índole social do concello e afondaron na cooperación entre ambas institucións co obxectivo de incrementar o benestar dos veciños e veciñas da localidade.

Alcaldesa e conselleiro debateron sobre a construción da nova escola infantil de Mos- Veigadaña, que contará cun investimento superior ao millón de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará 800.000 euros e o concello, 200.000 euros. A súa posta en servizo está prevista para o curso 2018-2019 e permitirá a creación de 82 prazas, o que suporá a duplicación da actual oferta pública de prazas para nenos e nenas de cero a tres anos nesta localidade. Deste xeito, Mos superará a ratio de cobertura recomendada pola Unión Europea, situándose no 44%. Na actualidade, Mos conta con dúas escolas infantís de cero a tres anos pertencentes á rede Galiña Azul e que ofertan 41 prazas cada unha.

Así mesmo, lembraron o incremento de 396 horas mensuais no Servizo de axuda no fogar Dependencia, grazas ao cal, os veciños e veciñas da localidade contan con 41.388 horas de servizo ao ano.

Durante o encontro, Rey Varela fixo fincapé na importancia da colaboración entre administracións para avanzar no benestar de todos os galegos e galegas, e tendeu a man a seguir colaborando co concello de Mos para acadar este obxectivo. Deste xeito, o conselleiro comprometeuse a estudar posibles futuras vías de colaboración para mellorar as infraestruturas sociais para maiores no concello, así como a intensificar os servizos en materia de Alzheimer para os veciños e veciñas de Mos.

5 de xuño de 2017 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.