publicidade hoxe

A Xunta destaca o papel estratéxico que teñen os acordos de pesca con terceiros países para Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Rosa Quintana na reunión da inauguración do proxecto Farfish

Rosa Quintana na reunión da inauguración do proxecto Farfish

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo que a xestión da actividade pesqueira en augas internacionais e os acordos de pesca con terceiros países “son prioridades estratéxicas para España e, por suposto para Galicia”. Foi no marco da reunión de inauguración do proxecto Farfish, do que forma parte o Centro Tecnolóxico do Mar, (Cetmar) e que ten como obxectivo mellorar o coñecemento e a xestión das pesquerías da UE.

Na presentación do proxecto tamén participou o xefe da Unidade de Coordinación Operativa da Axencia Europea de Control da PESCA (AECP), Pedro Galache, a directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda, e o coordinador do proxecto, Jónas Vidarsson.

Alí a titular de Mar tamén subliñou que estes acordos teñen como obxectivo prioritario e fundamental “permitir maiores posibilidades de pesca para a frota comunitaria nas poboacións excedentarias das zonas exclusivas dos terceiros países”. Tamén sinalou que ademais de ser acordos comerciais, “son verdadeiros mecanismos de asociación e de apoio a terceiros países”. Nesta liña xustificou a súa importancia para Galicia, xa que a frota galega de altura e grande altura está composta por 171 buques pesqueiros que realizan a súa actividade en caladoiros de diversos océanos en longas campañas.

A maiores explicou que a UE ofrece a estes países dereitos de acceso, apoio financeiro sectorial destinado a fomentar o desenvolvemento da pesca sustentable, acompañamento dos técnicos da UE na prestación de servizos e unha forte inversión privada. É, dicir, subliñou, funciona como “motor de desenvolvemento e de transferencia tecnolóxica”.

Control das frotas

Outro aspecto no que fixo fincapé durante a súa intervención foi o novo regulamento para a xestión sustentable das frotas pesqueiras a longa distancia. Desta futura normativa, lembrou que a Unión Europea propoñía un texto que mellorase a transparencia e o control das frotas que faenan fóra das augas comunitarias co fin de dar exemplo a escala internacional, un mecanismo de licencias impulsado por España. Este mecanismo, sinalou, tiña entre os seus aspectos negativos o de non conceder unha licenza para operar fóra da UE a unha embarcación que cometese algunha infracción nos 12 meses anteriores (a denominada dobre sanción). Este aspecto resulta moi prexudicial para a frota que faena fóra da UE, xa que polas súas características especiais en moitos casos os barcos non poden reconverterse e faenar nas augas da UE.

Nesta liña, Rosa Quintana recordou que “todo o traballo que se dirixa cara a unha maior transparencia e control é benvido, pero non poden existir dobres sancións porque se crea unha situación discriminatoria na que se penaliza a aqueles países que son máis duros en materia de control e loita contra a pesca ilegal non declarada e non regulamentada, como é o noso caso”. Así, trasladou que agarda “que nos trílogos entre a Comisión, o Consello e o Parlamento europeos se acade un compromiso político equilibrado e se elimine ese criterio”.

Farfish

No proxecto presentado hoxe e coordinado polo centro irlandés Matís, participan 21 socios de Noruega, Islandia, Brasil, Cabo Verde, Mauritania, Marrocos, Senegal e Seychelles que colaborarán na mellora da recollida de datos, no desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións e de modelos que contribúan aos plans de xestión desenvoltos no marco do proxecto. Ao abeiro desta iniciativa realizaranse 6 estudos de caso no Atlántico Sur e no Océano Índico que permitirán establecer criterios de xestión pesquerías do atún, lagostino, polbo, pescada e sardiña nestas augas. FarFish conta cun orzamento de 5 millóns de euros e ten unha duración de 4 anos (2017-2021).

O labor que se realice ao abeiro da iniciativa, facilitará que institucións como a FAO (axencia da ONU para a alimentación e a agricultura), representantes de frotas como o Comité Consultivo da Frota de Longa Distancia (LDAC) e outras asociacións implicadas coma a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (ANFACO) participen no proxecto e enriquezan os resultados de FarFish coa súa experiencia e coñecementos.

13 de xuño de 2017 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.