publicidade hoxe

A Xunta apela á solidariedade dos países membros para crear unha Europa máis forte e unida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Intervención de Sonia Rodríguez-Campos no curso da EGAP

Intervención de Sonia Rodríguez-Campos no curso da EGAP

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inauguraron hoxe o curso 60 anos da Unión Europea: balance e perspectivas no que destacados expertos en dereito a nivel nacional e internacional, investigadores, parlamentarios e xornalistas analizarán durante dous días os desafíos aos que se enfronta Europa nos próximos anos nun contexto de plena crise da súa identidade dende a seu nacemento en Roma no 1957.

Durante a inauguración, Sonia Rodríguez-Campos afirmou que “se fai máis necesario que nunca o traballo conxunto dos países membros europeos para recuperar o apoio popular perdido por parte da cidadanía. A Unión Europea durante estes 60 anos superou outras graves crises, pero sempre soubo adaptarse e evolucionar”. A directora da EGAP citou o Brexit, a xenofobia, o terrorismo e a crise de refuxiados coma algúns dos problemas aos que se enfronta Europa no futuro.

Rodríguez-Campos sinalou que a retirada do Reino Unido da Unión Europea “é, en efecto, un problema, pero tamén podería ser unha grande oportunidade para sentar as bases dunha nova Europa con fundamentos máis sólidos”.

Finalmente, a directora da EGAP fixo fincapé na solidariedade na que crían os países fundadores da Unión Europea e lembrou as palabras do discurso de Robert Schuman: “Europa non se fará dunha vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito”.

Na inauguración tamén participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que destacou que “Europa é máis necesaria que nunca. O reto é crear unha Unión Europea máis forte e que conte coa participación e o acordo dos cidadáns europeos para superar a crise actual”.

Gamallo resaltou que este reto pasa por tres elementos fundamentais: “un maior equilibrio das institucións europeas, sen tanto peso no Consello Europeo, aspecto que provocou a actual crise dos refuxiados; a necesidade de crear unha Europa máis integrada, contando coa aceptación e a implicación da cidadanía; e a importancia de asentar unha Unión Europea baseada en valores e principios”. Ademais, considerou que é preciso que os poderes públicos “cambien o relato do que se lles explica aos cidadáns: é preciso defender unha Europa que aposta polos dereitos fundamentais e a solidariedade colectiva”.

De seguido, o profesor da Universidade de León, Francisco Sosa Wagner, impartiu a conferencia inaugural titulada Europa: estado de saúde e enfermidades. Posteriormente, Xosé Carlos Arias Moreira, profesor da Universidade de Vigo, analizou a situación económica da Unión Europea e Mario Kölling, investigador da Fundación Manuel Giménez Abad, falou sobre a cohesión social dentro da Unión.

Xa pola tarde, terá lugar a conferencia a cargo de Xosé Antón Sarmiento Méndez, letrado maior do Parlamento de Galicia, sobre a participación dos parlamentos autonómicos na construción da Unión Europea. A continuación, organizarase unha mesa redonda sobre o devir da Unión Europea e das políticas comunitarias na que participarán os xornalistas de El País, a Axencia EFE e a CRTVG, -Javier Ayuso Canals, Ana Martínez Pedrosa e Fernando Rodríguez Ojea, respectivamente- e o presidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Paco Sánchez, que fará de moderador.

O curso continuará o venres pola mañá coas intervencións dos profesores Claudia Tubertini, da Universidade de Bolonia, que falará sobre A Europa das rexións, e de Giuseppe Pipperata, da Universidade Luav de Venecia, cun relatorio titulado Europa, simplificacións, liberalizacións. De seguido, participarán Xosé Luís Barreiro Rivas e Roberto Blanco Valdés, da Universidade de Santiago de Compostela. Nas súas intervencións profundarán na Europa das rexións, nas liberalizacións ou nos triunfos e desfeitas destes 60 anos de existencia da Unión.

22 de xuño de 2017 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.