publicidade hoxe

A Secretaría Xeral para o Deporte envía a proposta de resolución da solicitude de desinscrición e da denuncia do convenio de 2012

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Secretaría Xeral para o Deporte, vén de enviar ás Federacións Galegas de Fútbol e Fútbol Sala unha proposta de resolución da solicitude de desinscrición da Federación Galega de Fútbol Sala do Rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas de Galicia e a súa integración na Federación Galega de Fútbol así como da denuncia do convenio asinado en 2012, ambos escritos presentados pola Federación Galega de Fútbol.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte continúa co proceso iniciado o pasado 5 de maio cando se lle deu traslado desta solicitude de desinscrición á Federación Galega de Fútbol Sala para que puidera aducir no prazo máximo de dez días as alegacións que considere oportunas así como achegar documentos ou outros elementos de xuízo previamente á redacción da proposta de resolución. Unha vez rematado este prazo e presentadas as alegacións da Federación, a Secretaría Xeral para o Deporte formula esta proposta de resolución tras avaliar toda a información compilada.

Agora, as Federacións implicadas terán outros dez días para enviar as súas alegacións á proposta de resolución. Unha vez rematado o prazo, a Secretaría Xeral para o Deporte emitirá unha resolución definitiva.

A solicitude da Federación Galega de Fútbol, presentada o 27 de decembro de 2016, xurde tras a sinatura dun convenio en 2012 no que ambas partes manifestaban a intención de unificar as entidades na tempada 2013-2014, establecendo que o fútbol sala era unha especialidade da modalidade deportiva do fútbol. O devandito convenio foi denunciado o 8 de maio de 2017 pola Federación Galega de Fútbol. Na última xuntanza mantida entre as federacións e a Secretaría Xeral para o Deporte acordouse elaborar unha proposta para conseguir a integración do fútbol sala na Federación Galega de Fútbol que foi remitida a ambas federacións presentando alegacións. Este procedemento para a resolución desta solicitude vén motivado polas posturas afastadas que presentan ambas federacións tras 5 anos de negociacións impedindo a fusión de mutuo acordo.

Cómpre salientar tamén que a Lei do Deporte de Galicia establece que corresponde á Administración autonómica “recoñecer e cualificar novas modalidades e especialidades deportivas, así como establecer os criterios e requisitos para o seu recoñecemento”.

A Xunta de Galicia apostará sempre pola mellor organización, funcionalidade e administración deportiva tanto no ámbito autonómico como no estatal das federacións deportivas. As accións da Secretaría Xeral para o Deporte estarán sempre orientadas á defensa do interese xeral das actividades deportivas e dos practicantes das mesmas, que no caso do fútbol e do fútbol sala contan con 62.703 e 25.253 licencias respectivamente.

6 de xuño de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.